O BNG de Vigo pide convocar o Consello Sectorial de Medio Ambiente para abordar “con rigor e seriedade” o problema da auga

Xabier P. Igrexas, concelleiro do BNG en Vigo
Xabier P. Igrexas, concelleiro do BNG en Vigo

A fronte nacionalista critica a irresponsabilidade e frivolidade de PSOE e PP por “xogar coa auga das viguesas e vigueses” nun novo episodio do seu permanente pimpampum partidista.

Cualifican de “saídas en falso e agresións ambientais” as propostas de Caballero dun transvasamento ou dun novo encoro.

Xabier P. Igrexas:  “A solución de futuro e que garanta o subministro de auga pasa por un novo modelo de xestión da auga que aposte na racionalidade, na sustentabilidade ecolóxica e na xestión pública dun ben esencial”

O BNG de Vigo pide convocar o Consello Sectorial de Medio Ambiente para abordar “con rigor e seriedade” o problema da auga

O Bloque Nacionalista Galego anunciou que vai solicitar a convocatoria urxente do Consello Sectorial de Medio Ambiente do Concello de Vigo para abordar o actual contexto de seca e consensuar medidas para avanzar cara un novo modelo de xestión integral da auga.

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, lamentou o “novo e patético episodio no permanente pimpampum partidista” que, ao seu xuízo, están a protagonizar o PSOE desde o Goberno municipal e o PP na Xunta nun contexto de perspectiva de seca e de importantes incertezas sobre unha cuestión fundamental como é o subministro de auga potábel para a cidade e o conxunto da área de Vigo.

Igrexas acusou a populares e socialistas de “xogar, literalmente, coa auga de beber das viguesas e dos vigueses para seguir alimentando a súa estratexia de confrontación de ‘canto peor, mellor’”. Neste sentido, considerou insoportábel o “cruce de declaracións delirantes nas que uns afirman que a Xunta quere deixar sen auga a maior cidade de Galiza e outros acusan o alcalde de que poidamos ter un outono seco”.

“Abonda xa de irresponsabilidade e frivolidade, é momento de seriedade e de rigor, de poñérmonos todos os esforzos na procura de solucións”, proclamou o portavoz municipal nacionalista que volveu reiterar a súa oposición fronte ás “saídas en falso” que promove Abel Caballero, en forma de transvasamentos ou novos encoros, xa que suporían “graves agresións ambientais”. “A solución de futuro e que garanta o subministro de auga pasa, como levamos demandando moito tempo desde o BNG, por un novo modelo de xestión da auga, que aposte na racionalidade, na sustentabilidade ecolóxica e na xestión pública dun ben esencial”, contrapuxo.

Fronte ao “balbordo partidista” de Concello e Xunta, o BNG demanda escoitar a voces expertas e aos colectivos ecoloxistas e de defensa ambiental. “O problema da auga é un problema ambiental e como tal debe ser abordado”, aseverou Igrexas, anunciando a solicitude de que se convoque unha xuntanza do Consello Sectorial de Medio Ambiente do Concello de Vigo, un órgano consultivo e de participación que leva máis dunha década sen convocarse pola “nula sensibilidade ambiental de Caballero”.

Para Igrexas o Consello Sectorial de Medio Ambiente “pode e debe ser un espazo adecuado para unha posta en común en positivo e útil para a cidade”. A xuntanza, segundo apuntou, debera servir para transparentar a xestión que se está a facer na actualidade da auga na cidade, así como para analizar de maneira exhaustiva as medidas adoptadas até o momento. “Temos que apartar as mentiras destas últimas semanas e avaliar que se está facendo”, reclamou, en alusión ás falsidades do Goberno local en relación á suspensión dos baldeos, a continuidade de regos descontrolados nas zonas axardinadas que asolagan as beirarrúas e rúas, e á falla de información contrastada sobre a situación real da rede de subministración e as perdas que nela se produce.

Por outra parte, as nacionalistas avogan porque o Consello Sectorial de Medio Ambiente permita definir de maneira “participativa e plural” unha folla de ruta que permita enfrontar o risco dun outono seco e evitar restricións ao consumo, con medidas que sexan “efectivas e sustentábeis a nivel ecolóxico”.

Novo modelo

Desde o BNG insisten en que é preciso despregar medidas que permitan un uso “racional e sustentábel” da auga. Neste sentido, lembran que en setembro do ano pasado o BNG fixo pública unha proposta conxunta de todas as localidades para o despregamento dun Plan Comarcal de xestión eficiente da auga, cun decálogo de medidas orientadas a unha xestión “mancomunada e pública”.

Entre esas actuacións propostas están a realización dunha auditoría de toda a  rede de distribución para reducir as perdas de auga; a mellora na rede de abastecemento de Vigo e acelerar a ampliación e modernización da ETAP do Casal; mellorar a eficiencia nas restantes estacións potabilizadoras; impulsar plans municipais de racionalización e aforro no uso da auga; optimizar os recurso hídricos existentes en cada concello e estreitar a colaboración e apoio ás comunidades e traídas veciñais de auga; actuar nas reservas de auga subterránea (sempre que non estean ligados a espazos protexidos ou humidais vulnerábeis); reutilizar as augas residuais para usos urbanos (rego de parques ou baldeos) e industriais ou agrarios; apostar no aproveitamento das augas pluviais e a súa separación das augas residuais na rede de saneamento; ou promover por auditorías de hidroeficiencia industrial en parques empresariais e polígonos.

Como corolario deste décalogo de medidas, que foron até o momento rexeitadas polo Goberno municipal de Abel Caballero, desde o Bloque defenden unha xestión mancomunada da auga a través dun xestor metropolitano público.

O BNG de Vigo pide convocar o Consello Sectorial de Medio Ambiente para abordar “con rigor e seriedade” o problema da auga