O BNG de Vigo propón aumentar o programa de emprego xuvenil e reservar a metade das vivendas protexidas á mocidade
A fronte nacionalista chama a atender as principais preocupacións das 50 mil mozas e mozos da cidade ante os escasos recursos destinados actualmente polo Concello
Pide unificar os distintos plans de emprego xuvenil e incrementalos até os 1,5 millóns de euros, fronte aos 34 mil orzamentados este ano e dos que non se executou nin un só euro
Xabier P. Igrexas: “A mocidade de Vigo necesita de algo máis que un alcalde que só exerce de teloneiro permanente dos grandes concertos de Castrelos”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo propón aumentar o programa de emprego xuvenil e reservar a metade das vivendas protexidas que se desenvolvan por iniciativa pública a facilitar a emancipación da mocidade. A fronte nacionalista chama a atender as principais preocupacións das 50 mil mozas e mozos da cidade ante os escasos recursos destinados na actualidade polo Concello.
“Queremos reiterar a esixencia de que o concello da maior cidade de Galiza dea resposta con políticas reais e efectivas ás necesidades da mocidade”, demandou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, co gallo do Día Internacional da Xuventude que se celebra este venres. “A mocidade de Vigo necesita de algo máis que un alcalde que só exerce de teloneiro permanente dos grandes concertos de Castrelos”, lamentou o edil nacionalista.
En materia laboral, Igrexas reclamou incrementar de forma substancial os actuais programas municipais de emprego para a mocidade, que este ano contan cun orzamento de tan só 34 mil euros e dos que non se executou aínda ningunha partida. O concelleiro do BNG pediu unificar os distintos plans para dotalos dun presuposto de mínimo 1,5 millóns de euros.
“É incomprensíbel que o goberno de Abel Caballero destine máis diñeiro público a subvencionar a procesión do Cristo da Vitoria que a políticas de emprego para a xuventude”, afeou.
No caso da vivenda, o edil do Bloque urxiu a actuar ante a imposibilidade para milleiros de mozas e mozos de Vigo de emanciparse dos seus fogares familiares e emprender un proxecto de vida autónomo. Apuntou que ao problema dos custos do alugueiro, que incrementaron os seus prezos na cidade por volta dun 40% nos últimos cinco anos, súmase o elevado desemprego e a precariedade laboral que castiga con especial crueza á mocidade.
Así, a fronte nacionalista propón para atender esta problemática que se reserve a metade das vivendas protexidas que se promovan por iniciativa pública do Concello de Vigo para crear un programa de acceso á vivenda para menores de 35 anos. “A mocidade de Vigo merece políticas municipais que atendan as súas necesidade”, sintetizou Igrexas.