O pleno aproba que a Xunta recupere o sistema de préstamo universal dos libros de texto
Iolanda Veloso critica que do cheque para os manuais que emite a consellería de Educación queden excluídos os nenos e nenas con necesidades educativas especiais
Vigo, 4 de setembro de 2014.- O BNG acadou o apoio do PSOE para aprobar a moción que reclama que a Xunta volte ao sistema de préstamo universal dos libros de texto e se avance na gratuidade de todos os medios que se utilicen no ensino público. O ensino debe ter carácter gratuíto para garantir o acceso á educación pública de todos os nenos e nenas, subliñou Iolanda Veloso.
A voceira nacionalista cualificou de alucinante que o PP utilice o argumento da xustiza social para defender o sistema actual. Quen máis ten é quen máis impostos ten que pagar, afirmou, ao tempo que recordou que o cheque para libros de texto que actualmente emite a Xunta está asociada a unha listaxe pechada, de forma que exclúe aos nenos e nenas con necesidades educativas especiais, ás que ademais se lles recortan as axudas.
Se isto é xustiza social alguén terá que explicalo, manifestou Iolanda Veloso, quen asemade recriminou ao concelleiro popular que do que fala non se corresponde á situación real que se vive nos centros escolares públicos. Así, advertiu de que o recorte do 40% do programa de financiamento de libros de texto e material no ensino obrigatorio respecto ao ano anterior pode provocar que unha parte do alumnado non poida acceder aos manuais necesarios para seguir as clases con normalidade.
O PP discrimina por ser nenos ou nenas, discrimina por relixión e discrimina por capacidade, acusou a portavoz municipal do BNG. Fronte a esta situación, o BNG pide na súa proposta que se doten os centros de persoal abondo para xestionar axeitadamente o sistema de préstamo e que non se cambien os libros de texto para o vindeiro curso escolar naqueles cursos en que se vai implantar a LOMCE.
Pregunta Citroën
En referencia á moción do BNG aprobada no pasado pleno do mes de xullo demandando que o alcalde medien para acadar a readmisión por Citroën dos dous traballadores despedidos, o concelleiro Xabier Alonso preguntou ao rexedor polas xestións que ten feito. Ao respecto, o concelleiro socialista Carlos López Font contestou que están agardando a que se produza a unidade sindical para comezar a mediación.