O BNG alerta no Parlamento galego da “situación límite” do centro de saúde de Teis por falla de persoal
A fronte nacionalista denuncia que están sen cubrir un terzo das prazas de médicos e médicas de familias e con menos da metade do persoal facultativo necesario polas tardes
Alexandra Fernández: “Para a veciñanza de Teis contar con médico ou médica no seu centro de saúde é máis unha lotaría que un dereito garantido”
Xabier P. Igrexas: “Parece que para o PP as viguesas e os vigueses non podemos enfermar en verán, con recortes tamén en Coia, Navia, Pintor Colmeiro ou Matamá”
O Bloque Nacionalista Galego alerta no Parlamento de Galiza da “situación límite” do centro de saúde de Teis por causa da falla de persoal. A fronte nacionalista advirte de que neste ambulatorio vigués están sen cubrir un terzo das 18 prazas de médicos e médicas de familia e con menos da metade do persoal facultativo necesario polas tardes, malia as reiteradas denuncias da Asociación Veciñal de Teis.
Así, a deputada do BNG Alexandra Fernández vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para instar á Xunta de Galiza do PP a garantir con urxencia a cobertura das prazas. “Para as veciñas e veciños do barrio de Teis contar con médico ou médica no seu centro de saúde é máis unha lotaría que un dereito garantido”, criticou Fernández, asegurando que polas tardes se vive “unha situación de colapso total”.
A deputada nacionalista considerou que o caso do centro de saúde de Teis evidencia “as consecuencias dramáticas” das políticas sanitarias do Goberno de Alfonso Rueda coa Atención Primaria. “Esta situación é ben coñecida pola propia Consellaría de Sanidade, xa que a veciñanza fixo continuadas accións e escritos de denuncia dende hai máis de seis meses”, reprochou, lembrando que o pasado 24 de maio centos de veciños e veciñas saíron á rúa para reclamar unha solución.
Ameaza de peches no verán
Dende o BNG alertaron tamén de que esta situación non é específica do barrio de Teis e que, coa chegada do período estival, vaise agravar en numerosos centros de saúde da cidade, mesmo coa ameaza de peche. Nese sentido, denunciaron que xa se rexistran problemas tamén nos ambulatorios de Coia, Navia, Pintor Colmeiro ou Matamá.
“Un ano máis vemos como non vai haber consultas en horario de tarde, e como novamente as crianzas das nosas parroquias volverán ficar sen pediatra tendo que trasladarse a outros centros de saúde”, criticou pola súa banda o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, advertindo de que esta situación vai provocar de novo a “saturación” tanto do PAC de Pizarro como das urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro.
“Parece que para o PP as viguesas e os vigueses non podemos enfermar en verán”, lamentou Igrexas, lembrando que a política de recortes e privatizacións que converteu a área de Vigo na “zona cero da desfeita sanitaria en Galiza” provocou que hoxe teñamos que agardar entre 2 e 3 semanas para ter cita médica ou un mes para unha analítica.
“Non podemos permitir que o Goberno de Rueda siga estrangulando a Atención Primaria que é a verdadeira espiña dorsal do sistema sanitario público”, remachou.