Xabier P. Igrexas: “Nin un piso turístico máis en Vigo mentres non logremos facer accesíbel o alugueiro”
A fronte nacionalista alerta de que nos últimos anos triplicáronse as vivendas de uso turístico na cidade, que xa representan máis de 1 de cada 3 das existentes en Galiza, e que este 2024 acabarán sendo máis de 2 mil
Urxen ao Goberno municipal de Vigo a “actuar xa”, revisando se todos os pisos contan co preceptivo título habilitante para operar, que se realicen inspeccións para verificar que se cumpren as condicións urbanísticas e que se elabore canto antes unha ordenanza para “frear en seco esta ameaza ultraespeculativa”
Igrexas tende a man a Caballero para “dar pasos decididos e valentes” contra os pisos turísticos como está a facer o Goberno da nacionalista Goretti Sanmartín en Santiago de Compostela con menos da metade dos que existen en Vigo
O Bloque Nacionalista Galego chama a “actuar xa” para enfrontar a “grave ameaza” que representa a proliferación de vivendas de uso turístico (VUT) na cidade de Vigo. Así o anunciou esta mañá o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, após se coñecer que os últimos datos oficiais do Rexistro de Empresas de Actividades Turísticas da Xunta de Galiza recollen que neste mes de xuño na cidade de Vigo xa temos 1.798 pisos turísticos, o que supón que nos últimos 3 anos se triplicaron. “Temos que alertadas de que con toda seguridade, se non se actúa para evitalo, este 2024 rematará con máis de 2000 vivendas de uso turístico en Vigo”, advertiu.
Igrexas reiterou que a cidade padece “unha ofensiva brutal dun fenómeno ultraespeculativo que é un dos principais factores que provocan o grave problema de acceso social á vivenda na nosa cidade”. Neste sentido, explicou que o aumento das VUT reduciu ao mínimo a oferta de vivendas para alugueiro residencial, que xa é menos dunha cuarta parte do que representan os pisos turísticos, e empurra o aumento continuado dos prezos dos alugueiros que xa acumulan un incremento de máis do 50% nos últimos dez anos.
“É especialmente grave ver como as vivendas de uso turístico de Vigo pasaron de representar en 2021 o 23,7% do total de pisos turísticos en Galiza a máis do 34% neste ano”, subliñou. Un dato que, para o nacionalista, dá moi boa conta do alcance desta ameaza que está a impedir que millares de viguesas e vigueses poidan acceder a unha vivenda e exercer o seu primeiro dereito como cidadanía: poderen habitar a súa propia cidade.
Actuar xa
O portavoz municipal nacionalista defende que diante desta situación límite, non abonda coas previsións xenéricas recollidas no novo PXOM e que non afectarán aos pisos turísticos xa existentes. “Cómpre, actuar xa para frear en seco a proliferación de pisos turísticos, coa mesma determinación e audacia coa que o están a facer outros concellos”, expresou citando o exemplo de Santiago de Compostela e a firmeza do equipo de Goberno liderado pola alcaldesa nacionalista Goretti Sanmartín. “Se en Compostela, onde teñen menos da metade de pisos turísticos dos que hai en Vigo se actúa a pregunta é: a que espera o Goberno de Abel Caballero para tomar medidas?”, interpelou.
A fronte nacionalista vai desepregar diferentes medidas co obxectivo de que o Concello de Vigo actúe dunha vez por todas. En primeiro lugar, demandarán que a Xerencia Municipal de Urbanismo comprobe se as 1.798 vivendas de uso turístico rexistradas formalmente na cidade contan co preceptivo título habilitante a nivel urbanístico para poder desenvolver a súa actividade. No concreto, pretenden que se verifique se todos os pisos turísticos de Vigo formalizaron unha comunicación previa, garantindo o cumprimento da normativa urbanística, para poder operar.
En segundo lugar, solicitan que se planifique e poña en marcha de maneira inmediata un plan de inspeccións urbanísticas para comprobar que estes pisos turísticos cumpren co estabelecido no Código Técnico de Edificación e as demais normas de aplicación, para garantir as súas condicións de accesibilidade, habitabilidade e seguridade. Estas inspeccións queren que se estendan tamén a aqueles inmóbeis que inda non rexistrados oficialmente tense constancia de desenvolven actividade como piso turístico.
Aliás, desde o BNG volven urxir ao Goberno municipal de Abel Caballero para proceder coa máxima celeridade á elaboración dunha ordenanza municipal específica para frear a proliferación das vivendas de uso turístico, tal e como acordou o Pleno o pasado mes de marzo aprobando a moción formulada polo BNG. “Vigo ten que dispor desa ordenanza canto antes, se pode ser antes de que finalice o verán, mellor”, enfatizou Igrexas.
Man tendida
Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista expresou a súa “plena coincidencia”coas demandas formuladas por diferentes entidades e movementos sociais, entre elas a Federación Empresarial de Turismo e Hostalaría de Pontevedra, que recentemente expresaron que non se pode esperar á aprobación definitiva do novo PXOM para actuar.
“O BNG ofrecemos ao Goberno municipal de Abel Caballero toda a nosa colaboración para dar pasos decididos e valentes que planten cara a esta ameaza especulativa dos pisos turísticos e para garantir o dereito das viguesas e vigueses a acceder a unha vivenda. Teñen a nosa man tendida para pasar das palabras aos feitos”, remachou Igrexas.