O BNG amosa seu apoio a David Reboredo e levará unha moción ao pleno para reclamar o indulto

O BNG amosa seu apoio a David Reboredo e levará unha moción ao pleno para reclamar o indulto

O grupo municipal do BNG presentou este martes a moción que levará ao vindeiro pleno na que se demanda o apoio da corporación ás demandas de indulto perante o Ministerio de Xustiza para David Reboredo. O portavoz municipal nacionalista, Santi

Domínguez, expresou o apoio de todo o BNG a Reboredo e ao grupo Imán posto que ao seu xuízo “na cadea merecen entrar outros, que rouban e estafan”.

Iolanda Veloso, pola súa banda, destacou que a moción inclúe un segundo punto para que, no caso de denegación das demandas xa presentadas, o Concello de Vigo solicite de novo o indulto para David Reboredo. “Parece lóxico que o Ministerio de Xustiza aplique o indulto para evitar os prexuízos da súa entrada en prisión”, destacou.

A concelleira nacionalista lembrou que David Reboredo, tras iniciarse no consumo de substancias adictivas aos 16 anos, comezou seu tratamento de deshabituación con períodos de altibaixos e logrou a súa rehabilitación logo de seis meses de internamento na comunidade terapéutica da Asociación Alborada.

Integrado na sociedade

Destacou asemade que a partir dese momento o seu estilo de vida cambia radicalmente e forma parte dun grupo familiar totalmente integrado na sociedade, facéndose cargo do coidado do seu pai, invidente.

Ademais, Iolanda Veloso explicou que cando se ditaron as sentenzas referidas na moción, non fora aínda aprobada a reforma do Código Penal de 2010 que engadiu un novo subtipo atenuado ao artigo 368, dedicado ao tráfico de drogas, e establecido para aqueles supostos de escasa gravidade do feito.

Segundo a concelleira nacionalista, neste caso encaixaría plenamente o caso de David, “de forma que as condeas serían, case con total seguridade, inferior a dous anos de prisión co que o seu ingreso efectivo podería ser substituído por multa ou mesmo por traballos en beneficio da comunidade”, destacou.

Afirmou, por outra banda, que son moitos os motivos para a solicitude deste indulto, entre os que destacou a escasa entidade do delicto cometido, a necesidade de autofinanciamento do consumo propio como causa motivadora da comisión, a ausencia de terceiros ou vítimas prexudicadas, a superación do proceso de desahabituación e o seu compromiso familiar e social.

Aprobación unánime

Iolanda Veloso explicou, finalmente, que o BNG estivo en contacto co grupo Imán e Antón Bouzas, así como co pai de David Reboredo. “Comunicámoslles que o BNG presentaría esta moción r nos dixeron que lles gustaría que fora aprobada por unanimidade dos tres grupos municipais. Nós tamén o agardamos así”, concluíu.

 

O BNG amosa seu apoio a David Reboredo e levará unha moción ao pleno para reclamar o indulto