O BNG lamenta que Caballero impoña o seu “sectarismo autoritario” tamén na Mancomunidade de Vigo
A fronte nacionalista critica a decisión de que os tres representantes da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo na Fundación Provigo, no Ifevi e na Asociación de Desenvolvemento Galiza Suroeste – Eurural sexan só do PSOE despois de vetar a súa emenda en favor da pluralidade
Xabier P. Igrexas: “Así mataron antes de nacer a Área Metropolitana e así parece que queren deixar en coma a Mancomunidade e é claro que a veciñanza da área de Vigo merece moito máis”
Tras a celebración esta tarde do Pleno constitutivo, neste mandato, da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo (MAIV), o Bloque Nacionalista Galego lamenta que Abel Caballero teime en impoñer o seu “sectarismo autoritario” tamén no órgano supramunicipal.
O portavoz municipal do BNG de Vigo e membro do Pleno da MAIV, Xabier P. Igrexas, criticou a “arbitrariedade antidemocrática” do alcalde e presidente da Mancomunidade ao impedir que se votase unha emenda da fronte nacionalista en relación á designación de representantes da Mancomunidade en diferentes órganos colexiados dos que fai parte.
“O PSOE quixo impoñer sen debate nin contraste que os representantes da Mancomunidade na Fundación Provigo, no IFEVI e na Asociación de Desenvolvemento Galiza Suroeste – Eurural, fosen tres membros do PSOE”, denunciou. A emenda do Bloque, que Caballero impediu que se votase, propuña que a representación da MAIV no Ifevi recaese no portavoz nacionalista en Vigo en lugar do socialista Carlos Font. Ningún representante do Partido Popular asisitu ao Pleno.
"Esta decisión obedece a que Caballero e o PSOE confunden as súas maiorías relativas coa totalidade e esquecen que son moitos millares as veciñas e veciños dos oito concellos que integran a Mancomunidade que representamos outras forzas políticas”, cuestionou Igrexas.
O portavoz municipal nacionalista subliñou que “non se pode tecer sinerxías, nin sumar, nin mancomunar nada, aplicando mecanicamente o rodete e sen respectar e poñer en valor a pluralidade”. “Así mataron antes de nacer a Área Metropolitana e así parece que queren deixar en coma a Mancomunidade, é claro que a veciñanza da área de Vigo merece moito máis”, remachou.
Cuadruplicar as dietas
O BNG tamén se opuxo ao aumento das indemnizacións por asistencia dos diferentes organismos da MAIV, que por proposta do PSOE se cuadruplicarán pasando de 25 a 100 euros por sesión. A emenda das nacionalistas, que si se puido votar, propuña que as compensacións económicas fosen de 50 euros para Plenos e 25 euros para as Comisións Informativas, deixando sen asignación os e as membros da Xunta de Goberno por seren todos alcaldes e alcaldesas. Alternativa que foi rexeitada polos votos dos edís socialistas.