O BNG pide un Plan Urbano de Seguridade Viaria ante a elevada sinistralidade e atropelos en Vigo
A fronte nacionalista urxe un novo modelo de mobilidade que permita avanzar cara ás cero mortes e sinistros graves, como lograron outras cidades próximas como Pontevedra
Xabier P. Igrexas: “Garantir a seguridade viaria e protexer vidas ten que ser unha prioridade; as viguesas e vigueses merecemos unha cidade segura”
O Bloque Nacionalista Galego pide a posta en marcha dun Plan Urbano de Seguridade Viaria ante a elevada sinistralidade nas rúas de Vigo, en particular dos casos de atropelos. A fronte nacionalista considera que esta é “unha tarefa pendente” en Vigo, como reflicten os datos, onde no que vai de ano xa se produciron seis atropelos de gravidade, dous deles só na última semana.
“Desde o BNG cremos que hai que multiplicar os esforzos para lograr unha maior seguridade viaria nas rúas da nosa cidade”, demandou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, lembrando que os últimos datos oficiais dispoñíbeis, referidos o ano 2021, recollen 2.009 accidente de tráfico, unha media de 5 sinistros por día, dos cales o 40% provocaron danos de diversa consideración a persoas con 147 atropelos.
Fronte a esta situación, Igrexas defendeu a necesidade de deseñar un Plan Urbano de Seguridade Viaria que teña como obxectivo as cero mortes e sinistros graves, seguindo o camiño das actuacións realizadas con éxito noutras cidades da contorna como Pontevedra. Nese sentido, o portavoz nacionalista pediu medidas concretas para o calmado do tráfico porque “reducir a velocidade do tráfico é a mellor maneira de evitar accidenes graves”, así como datos actualizados sobre os sinistros dos últimos dous anos.
Novo modelo de mobilidade
Este Plan Urbano de Seguridade Viaria ten que facer parte, a xuízo do BNG, dun novo modelo de mobilidade, onde se priorice o tránsito a pé, o uso seguro de bicicletas e vehículos de mobilidade persoal e, sobre todo, o reforzo do transporte colectivo como alternativa para reducir o número de coches que circulan a diario en Vigo. “Garantir a seguridade viaria e protexer vidas ten que ser unha prioridade”, reclamou, asegurando que “as viguesas e vigueses merecemos unha cidade segura”.