O BNG chama ao alcalde a pasar dos discursos aos feitos para impedir o recorte salarial en Vitrasa
A fronte nacionalista reitera a urxencia dunha intervención do Concello de Vigo para evitar que a concesionaria rebaixe sen xustificación un 30% os salarios do persoal.
Xabier P. Igrexas: “Levamos moitas semanas escoitando a Abel Caballero dicir que non se pode permitir, pero non foi quen de explicar nin unha soa xestión concreta do seu goberno para resolver o conflito laboral”.
O Bloque Nacionalista Galego chama ao alcalde de Vigo a pasar dos discursos aos feitos para impedir o recorte salarial en Vitrasa. A fronte nacionalista traslada o seu “incondicional apoio” ao persoal do servizo de bus urbano, que vén de realizar este xoves unha protesta nas portas do Concello para reclamar unha solución ao conflito laboral por parte do Goberno municipal.
“Non podemos permitir baixo ningún concepto que unha empresa concesionaria dun servizo de titularidade municipal, dun servizo público esencial para as viguesas e os vigueses, se atreva a reducir por volta dun 30% os salarios do seu persoal sen ningún tipo de xustificación”, manifestou en declaracións aos medios o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.
Desde o Bloque lamentan a continuada inacción do goberno de Abel Caballero desde que a empresa concesionaria anunciou a súa ameaza de recorte salarial o pasado 15 de marzo. “Levamos moitas semanas escoitando ao alcalde dicir que non se pode permitir, pero non foi quen de explicar nin unha soa xestión concreta do seu goberno para impedilo”, lamentou o edil nacionalista, que insistiu na urxencia de que o Concello de Vigo actúe con “determinación e firmeza” á hora de resolver este conflito laboral.
“Se a Vitrasa non lle é rendíbel, que se resolva a concesión
Neste sentido, Igrexas explicou que Vitrasa recibe cada ano máis de 12 millóns de euros en forma de subvención directa de fondos públicos, unha cantidade que equivale á metade do custo total de explotación do servizo. Ademais, lembrou que a empresa queda con toda a recadación da venda de billetes, motivo polo que considerou “inxustificadas” as advertencias da concesionaria de posíbeis problemas económico-financeiros. “Se a Vitrasa non lle convén ou non lle é rendíbel seguir a xestionar o servizo de bus urbano de Vigo, que se resolva a concesión”, remachou o concelleiro do BNG.
Na fronte nacionalista insistiron nas numerosas dúbidas que despertan as contas de Vitrasa, das que sospeitan de “exercicios de enxeñería contábel” para provocar un escenario de perdas que xustifique o recorte salarial. Igrexas valorou que estes feitos poñen en evidencian a necesidade de realizar unha auditoría integral do servizo, de iniciar o estudo para o rescate da concesión e de reabrir o debate para a remunicipalización do bus urbano.