O BNG pide apostar polo produto local fronte a crise que vive o pequeno comercio de Vigo
A fronte nacionalista visita o mercado do Progreso no marco da campaña nacional do Bloque en apoio do comercio de proximidade baixo o lema “Mellor local, mellor galego”.
A deputada Carmela González denuncia os recortes nos investimentos da Xunta e demanda acotar a liberalización de horarios e unha moratoria de grandes superficies.
Xabier P. Igrexas: “No BNG apostamos por un comercio que dinamiza os barrios e crea emprego estábel fronte a ese modelo de grandes superficies que patrocina o alcalde”.
O Bloque Nacionalista Galego pide apostar polo produto local para enfrontar a crise que vive o pequeno e mediano comercio de Vigo. A fronte nacionalista visitou este xoves o mercado do Progreso para presentar a campaña nacional impulsada polo Bloque en apoio do comercio de proximidade baixo o lema “Mellor local, mellor galego”.
“O BNG queremos evidenciar con esta campaña a situación de crise na que está o pequeno comercio galego”, sinalou a deputada no Parlamento de Galiza e portavoz de Comercio das nacionalistas, Carmela González. “Unha crise que se agravou coa pandemia da Covid-19, mais que vén de longo”, salientou González, que sinalou as políticas do PP na Xunta como responsábeis do retroceso do sector.
A deputada nacionalista denunciou os profundos recortes nos investimentos que o Goberno galego destina para apoiar o comercio local. “Desde 2009 pecharon en Galiza preto de 6.000 pequenos negocios, unha cantidade directamente proporcional á reducción dos orzamentos da Xunta, que pasaron a ser a metade”, subliñou.
“Desde 2009 pecharon en Galiza preto de 6.000 pequenos negocios, unha cantidade directamente proporcional á reducción dos orzamentos da Xunta, que pasaron a ser a metade”, denuncia a deputada Carmela González.
Porén, a portavoz de Comercio do BNG apuntou que este grave contexto de crise non é só unha cuestión de recursos, senón de “valentía política”, e acusou á Xunta de poñer unha “alfombra vermella” para as grandes superficies comerciais mentres abandona o comercio de proximidade. Nese sentido, González sinalou que Galiza ten hoxe unha ratio catro veces maior de grandes superficies que a media do Estado español.
Desde o BNG demandaron por estes motivos unha moratoria de grandes superficies comerciais, así como tomar medidas para acotar a liberalización horaria e os períodos de rebaixas abusivos, contra os que non pode competir o pequeno comercio. Aliás, a deputada nacionalista pediu apostar por políticas de modernización, dixitalización e remuda xeracional para que o comercio local continúe a xerar emprego e riqueza en Vigo e no País.
Sen noticias do Amazon vigués
“Nada sabemos dese Amazon vigués, que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou pomposamente en abril de 2020. Tampouco sabemos cando se vai convocar a mesa local do comercio nin o motivo de que sexamos a única das sete grandes cidades galegas cuxo tecido comercial non ten recibido nin un só euro en forma de axudas directas por parte do Concello”, asegurou pola súa parte o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
O concelleiro nacionalista lamentou que nos últimos dous anos teñan pechado máis de 1.600 pequenos e medianos establecementos en Vigo. “Unha situación marcada pola desertización completa de barrios e rúas da nosa cidade a nivel comercial”, aclarou Igrexas, que fixo un chamamento para que as viguesas e vigueses acudan ao comercio de proximidade.
“No BNG apostamos por un comercio local que vertebra a cidade, que dinamiza os nosos barrios e parroquias, que crea emprego estábel e duradeiro”, sinalou o concelleiro nacionalista, que contrapuxo ao modelo defendido polo actual Goberno municipal. “Fronte a ese modelo de grandes superficies que patrocina Abel Caballero, recibindo nun macarrónico inglés a chegada de Primark, nós chamamos a apostar polo produto local e galego”, dixo.