O BNG de Vigo denuncia falta de citas presenciais para solicitar as axudas municipais para material escolar e comedores
A fronte nacionalista reclama ao goberno de Abel Caballero que amplíe o número de citas ou prorrogue o prazo para tramitalas ante as numerosas queixas recibidas
Xabier P. Igrexas: “Non se pode obrigar ás familias da cidade a se relacionar por medios electrónicos co Concello porque é unha maneira de exercer violencia administrativa”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo denuncia a falta de citas presenciais para solicitar as axudas municipais para a compra de material escolar, libros de textos e comedores. A fronte nacionalista reclama ao goberno de Abel Caballero que amplíe o número de citas dispoñíbeis -tan só 30 diarias na actualidade- ou prorrogue o prazo para os trámites ante a preocupación e as numerosas queixas por parte de familias da cidade.
“Hoxe xa non hai ningunha cita dispoñíbel e desde practicamente o inicio da convocatoria non había ocos para poder tramitar de forma presencial estas axudas que son vitais para cada vez un maior número de fogares”, lamentou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que subliñou que o prazo de solicitude conclúe o próximo 9 de agosto sen que moitas familias tiveran ocasión de obter aínda unha cita.
Igrexas pediu “sensibilidade” ao Goberno municipal para facilitar o acceso a estas axudas nun contexto marcado pola suba disparada da inflación e crecente empobrecemento. Unha situación de “emerxencia social” que, a xuízo do edil nacionalista, fai prever un incremento significativo das solicitudes con respecto a anteriores anos.
“As familias de Vigo non teñen a culpa de que esta convocatoria se tramitase cun mes de demora en relación ao pasado curso”, recriminou.
O concelleiro do BNG cualificou de “violencia administrativa” a falta de citas presenciais, que empurra aos fogares a realizar o trámite por vías telemáticas. “Non se pode obrigar ás familias a se relacionar por medios electrónicos co Concello de Vigo porque supón poñer atrancos a moitas familias que non teñen os medios ou os coñecementos para facelo”, criticou.
O edil nacionalista matizou que esta reclamación para ampliar as citas ou o prazo de solicitude non pode supoñer un “impedimento” para que estas axudas sexan resoltas antes do inicio do vindeiro curso, tal como reclamaron desde o propio BNG nos pasados días.