O BNG denuncia que a indemnización a Vitrasa foi unha escusa falsa para aprobar unha prórroga que hipoteca a cidade cun servizo “dos anos 90 do século pasado”
A fronte nacionalista asegura que o anuncio de Caballero de que a compensación á concesionaria polas perdas derivadas da Covid19 será a cargo de fondos estatais, demostra que a prórroga de cinco anos foi “un agasallo caprichoso” a esa empresa privada.
Xabier P. Igrexas: “O que debera preocupar e ocupar a Abel Caballero non é cantos millóns de euros máis de diñeiro público lle vamos entregar a Vitrasa, senón como mellorar o servizo de bus urbano”.
Tras o anuncio realizado polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, de que será a cargo de fondos estatais o abono da indemnización económica a favor de Vitrasa, como concesionaria do servizo de autobús urbano –por causa das perdas ocasionadas durante o confinamento–, para o Bloque Nacionalista Galego xa é patente e indiscutíbel que a prórroga por cinco anos da actual concesión foi “un agasallo caprichoso” do Goberno municipal a esa empresa privada.
Neste sentido, o concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, denunciou que o argumento económico por esa indemnización para xustificar a prórroga a Vitrasa era falso. O portavoz municipal nacionalista lamentou que esa decisión hipoteca por un lustro a cidade condenándoa a un servizo de autobús claramente insuficiente. “En lugar de regalarlle unha prórroga inxustificada a Vitrasa, o que se debeu facer era sacar a concurso unha nova adxudicación que permitira redeseñar o servizo, adecualo ás necesidades da cidade e atender as demandas da veciñanza”, contrapuxo.
Igrexas volveu insistir en que “o que debera preocupar e ocupar ao Goberno municipal, e singularmente ao alcalde, non é como vai compensar economicamente a unha empresa privada que xa recibe moitos millóns de euros de diñeiro público e de todas as viguesas e vigueses, senón que medidas vai adoptar para mellorar de maneira substancial un servizo insuficiente”.
A este respeito, o edil nacionalista denunciou que actual servizo de bus urbano “non conecta a cidade, non vertebra os barrios e parroquias, cunhas frecuencias abertamente insuficientes, cun prezo de billete caro e sen a conexión axeitada con dotacións como o novo hospital, a universidade, as estacións de bus e de tren ou o aeroporto”. “O que debera preocupar e ocupar a Abel Caballero non é cantos millóns de euros máis de diñeiro público lle vamos entregar a Vitrasa, senón como mellorar o servizo de bus para que sexa unha alternativa de mobilidade que permita reducir o uso do vehículo particular e gañar en calidade de vida”, reclamou.
O Bloque urxe un xiro na política de mobilidade que potencie a utilización do transporte público, algo que para as nacionalistas esixe superar o marco “raquítico” da actual concesión. “Non podemos seguir a ter un bus á altura dos anos 90 do século pasado, cunha enorme precariedade do servizo e temos que apostar decididamente por potenciar o uso do autobús, e iso non se pode facer nin co actual mapa de liñas, nin co actual número de autobuses nin con esta prórroga caprichosa”, remachou Xabier P. Igrexas.