O BNG de Vigo formula 14 emendas á nova ordenanza municipal de praias para aumentar a súa protección ambiental

xpi02

Xabier P. Igrexas: “É claro que os areais da nosa cidade son un importantísimo atractivo turístico, pero queremos subliñar que as praias de Vigo son moito máis. Son un tesouro natural”.

A fronte nacionalista propón que se cree un grupo de traballo na Comisión Informativa de Medio Ambiente para trazar unha folla de ruta que permita alargar a protección ambiental e recuperar superficie dos areais.

Propoñen que o Concello asegure as medidas e medios necesarios para garantir que o esparexemento dos cans, onde se permita, se poida desenvolver nas debidas condicións.

O BNG de Vigo formula 14 emendas á nova ordenanza municipal de praias para aumentar a súa protección ambiental

O Bloque Nacionalista Galego vén de facer público o contido das 14 emendas parciais que formulan ao proxecto de ordenanza municipal reguladora do uso e desfrute dos areais do termo municipal de Vigo. Emendas, que segundo explicou o seu portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, recollen ideas, proposta e suxestións que lle foron trasladadas por diferentes colectivos e que pretenden “concretar e alargar a protección ambiental e a limitación daquelas actividades que poden ter un impacto negativo nas nosas praias”.

Con ese obxectivo, o Bloque defende que é necesario poñer en valor as praias como algo máis que un destino turístico ou como un espazo para o esparexemento e o lecer. Nese sentido, propoñen que o Concello programe con carácter anual campañas informativas e de sensibilización, especialmente no ámbito escolar, para crear conciencia a respeito do enorme valor ambiental dos areais. Tamén demandan que na promoción turística da cidade se acompañe toda alusión ás praias nos diferentes soportes de difusión, con mencións a respeito da importancia ambiental e da necesidade da súa protección. “É claro que os areais da nosa cidade son un importantísimo atractivo turístico, pero queremos subliñar que as praias de Vigo son moito máis. Son un tesouro natural”, explicou Igrexas.

Recuperar espazo para os areais

A fronte nacionalista tamén inclúe entre as súas emendas unha proposta que, en palabras de Igrexas, podería “marcar un punto de inflexión e sentar as bases para dar un grande salto na posta en valor e a protección ambiental das praias de Vigo”. No concreto, propoñen a través dunha disposición transitoria, que no prazo de 3 meses desde a entrada en vigor da nova ordenanza se constitúa un grupo de traballo, dependente da Comisión Informativa de Medio Ambiente do Concello, para iniciar a elaboración dunha ponencia-estudo con propostas de actuación concretas para a mellora da protección ambiental dos areais e a súa recuperación naqueles ámbitos nos que se poida aumentar a súa superficie, como caso de Samil, consumida arestora por outro tipo de usos e instalacións.

A pretensión das nacionalistas é que ese grupo de traballo conte coa participación de colectivos veciñais, asociacións de defensa ambiental e dos animais, así como de persoas expertas, e del se tiren conclusións vinculantes que sexan remitidas ao Pleno, como máximo organismo político da cidade, para o seu debate e aprobación. “Desta posta en común participativa queremos que saia unha folla de ruta concreta que nos permita avanzar na reconciliación da cidade co seu litoral, a principiar por unha maior protección ambiental das nosas praias”, resumiu Igrexas.

Acceso de cans

Outra das cuestións que se abordan nas emendas nacionalistas é a presenza de cans nas praias, abordando a polémica veciñal derivada da decisión do actual Goberno municipal de unicamente a autorizar nas praias da Calzoa e a Foz e que non satisfixo nin a veciñanza nin aos colectivos de defensa dos animais.

Nunha das emendas propoñen un engadido para clarificar que naqueles espazos que se fagan accesíbeis para cans nos areais da cidade, o Concello ten que garantir as medidas e os medios necesarios para que o esparexemento dos cans se  poida desenvolver nas debidas condicións de limpeza, hixiene e seguridade, e se vele tanto pola correcta convivencia entre persoas e animais como pola protección dos ámbitos de maior sensibilidade ambiental como son as dunas. A fronte nacionalista defende ademais que a delimitación dos areais nos que se permita o acceso a cans, así como as condicións do mesmo, deben ser adoptadas por decisión do Pleno, a proposta da Xunta do Goberno Local e previo ditame da Comisión Informativa habilitando mecanismos de participación cidadá que permitan o maior consenso social e veciñal.

Aliás, a través dunha disposición transitoria, o BNG propón que a Xunta de Goberno revise no prazo dun mes desde a entrada en vigor da nova ordenanza, e contando coa participación tanto de colectivos veciñais afectados como de asociacións de defensa dos animais e ecoloxistas, os acordos adoptados e que están en vigor en relación ás praias da Calzoa e a  Foz. “No seu momento o Bloque xa advertimos que a maneira de proceder do Goberno municipal facía inevitábel o conflito e non contentaba a ninguén. É hora de resolver este conflito, con diálogo e participación, procurando as fórmulas que permitan o desfrute deses praias por todos e todas”, explicou o edil nacionalista.

O BNG de Vigo formula 14 emendas á nova ordenanza municipal de praias para aumentar a súa protección ambiental