O BNG denuncia un novo recorte de frecuencias en Vitrasa coa fusión das liñas 8 e 9A
A fronte nacionalista pide que o goberno de Abel Caballero aclare se autorizou a nova liña “A” anunciada pola concesionaria de bus urbano, que supón unha redución de 30 frecuencias diarias e alargar o percorrido até unha hora e media.
Xabier P. Igrexas: “Esta decisión de Vitrasa consolida e agrava os recortes no servizo de bus que xa se viñan aplicando nos últimos meses e anos”.
O Bloque Nacionalista Galego denuncia un novo recorte de frecuencias en Vitrasa como resultado da fusión das liñas 8 e 9A, en vigor desde este martes. A fronte nacionalista pide que o goberno de Abel Caballero aclare se autorizou esta nova liña “A”, anunciada pola concesionaria de bus urbano, que supón unha redución de 30 frecuencias diarias e alargar o percorrido até unha hora e media.
“Esta decisión de Vitrasa consolida e agrava os recortes que xa se viñan aplicando no servizo de bus urbano nos últimos meses e anos”, criticou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que apuntou que “detrás deste recorte só está o interese particular da empresa concesionaria por aforrar custos, empeorando de forma significativa o servizo”.
O edil nacionalista subliñou que as liñas 8 e 9A sumaban 94 frecuencias nos días laborábeis, mentres que a nova liña “A” contará con apenas 64. Ademais, afeou que se alongue o percorrido até unha hora e media, cando a liña 9A tiña 37 minutos de duración e a liña 8 de 45 minutos. “Non é aceptábel que esta nova liña tarde o mesmo que o tempo necesario para chegar de Vigo á Coruña”, exemplificou.
Igrexas anunciou que o BNG interpelará ao Goberno municipal para que explique se deu o seu visto bo a esta fusión de liñas e con que xustificación. Unha decisión que, advertiu, non foi trasladada nin tan sequera á Comisión de Liñas e Horarios da propia Vitrasa, que ten previsto estudar este cambio o día 20 de abril, unha semana despois de entrar en vigor.
Desde o Bloque cualificaron este fusión de liña de “sinsentido” por unir dous puntos tan distintos como o aeroporto e o campus universitario. Ademais, sinalaron o “agravante” de afectar á liña 9A, a única que fai parada no aeroporto de Peinador. “Non resulta razóabel nunha cidade que carece dun servizo de bus de liña directo, como existe noutras terminais galegas e como temos demandado o BNG de forma reiterada”.
Por estes motivos, o concelleiro do BNG instou a rectificar a creación deste “engano” de liña fusionada e apostar por un reforzo real do servizo de bus urbano. “Hai que poñer máis buses a circular, aumentar as frecuencias e racionalizar o mapa de liñas, que non responde á realidade da cidade, non conecta adecuadamente o conxunto do territorio de Vigo e, desde logo, non dá o servizo que merece unha cidade de 300 mil habitantes”.