MUNICIPAIS 2023

O BNG de Vigo aposta na cultura como eixo estratéxico dun novo modelo de cidade

A fronte nacionalista celebrou este sábado un Vermú Cultural no que trasladou as grandes liñas do seu programa nesta materia de cara ás eleccións do 28 de maio

Xabier P. Igrexas, candidato á Alcaldía: “Hai que blindar o dereito á cultura cunha política municipal elaborada con participación para que nunca máis un Goberno poida impoñer a súa visión cutre e caprichosa”

Ana Martínez, candidata número 2: “En Vigo hoxe hai cultura a pesar do Concello, da falta de apoio e das dificultades que moitas veces pon a administración local”

O BNG de Vigo aposta na cultura como eixo estratéxico dun novo modelo de cidade

O Bloque Nacionalista Galego comprométese a potenciar a cultura como eixo estratéxico da súa alternativa en Vigo. A fronte nacionalista celebrou este sábado un Vermú Cultural, un encontro con representantes das diversas disciplinas culturais da cidade, para trasladar as grandes liñas do seu programa de cara ás eleccións municipais do 28 de maio: un Consello Municipal da Cultura con participación social, unha rede de bibliotecas en todos os barrios, unha programación descentralizada durante todo o ano, unha Fábrica Cultural en Teis para creadores e creadoras, valorizar o acervo cultural galego e converter Vigo na grande cidade do libro, entre outras propostas.

“A cultura non é unha política sectorial, para o BNG é un eixo vertebral dun novo modelo de cidade que poña as persoas no centro, porque sen cultura non pode haber cidadanía e sen cidadanía non hai cidade”, defendeu o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, acompañado da candidata número 2, Ana Martínez, e do número 11 da lista nacionalista, Ramón Nicolás. Con este acto o Bloque puxo o ramo a unha rolda de encontros nos que intercambiou con diversos sectores a súa aposta por abrir un tempo novo en ámbitos como o patrimonio, a lingua, a música e baile tradicional ou as artes escénicas.

Igrexas chamou a poñer fin ás políticas de “desertización cultural” que durante os últimos anos fixeron desaparecer máis dunha vintena de programas e iniciativas culturais do Concello e que reduciron á metade o número de visitantes dos museos da cidade. Así, reiterou o compromiso do Bloque con desenvolver unha nova axenda municipal, con catro grandes liñas de actuación nesta materia, para que Vigo recupere o seu papel como vangarda cultural.

Cultura con participación e descentralizada

En primeiro lugar, o candidato nacionalista demandou “blindar” o dereito a unha política elaborada con participación directa dos e das axentes culturais, dos colectivos sociais e da propia veciñanza para garantir que “nunca máis un Goberno poida impoñer a súa visión cutre e caprichosa reducindo a cultura a uns poucos grandes concertos no verán”. Nese obxectivo, propuxo crear o Consello Municipal da Cultura como espazo de co-decisión para elaborar un Plan Estratéxico da Cultura en Vigo.

Outro dos eixos principais da aposta nacionalista pasa por “democratizar o acceso social” a todas as manifestacións culturais, despregando unha programación descentralizada durante todo o ano e en todas as parroquias. Entre as medidas concretas, Igrexas destacou a proposta de poñer en marcha unha rede municipal de bibliotecas en todos os barrios da cidade, como continuación do proxecto iniciado polo Bloque en 2011 coa Neira Vilas no Calvario. Ademais, salientou como urxente a dinamización da rede museística.

O Concello como potenciador e non como atranco

“O Concello ten que deixar de ser un atranco para ser un grande facilitador e potenciador do enorme talento e forza creativa que latexa na cidade”, demandou o candidato do BNG, que defendeu a necesidade dun “cambio de paradigma” que faga que Vigo “pase de cidade consumidora a creadora”. Nese sentido, a fronte nacionalista propón transformar a abandonada fábrica de pinturas de Teis na grande Fábrica Cultural, cun “potente” programa de residencias artísticas e becas destinadas a fomentar a creación cultural. Ademais, apostan por converter “Vigo na cidade do libro”, con iniciativas como unha Semana da Literatura.

Como cuarto eixo programático, o cabeza de lista do Bloque subliñou subliñou a importancia de valorizar e potenciar o acervo cultural galego. Apostou así por crear un Programa de Dinamización da Cultura Tradicional na cidade, que apoie aos grupos de música e baile tradicional e que desenvolva un ambicioso circuíto cultural na cidade, que permita superar o “actual modelo acomplexado, fortemente españolizador e negador da nosa propia cultura”.

A cultura como dereito

Na mesma liña, a candidata número 2 do BNG en Vigo defendeu a necesidade de políticas que recoñezan a cultura como un dereito. “En Vigo hoxe hai cultura a pesar do Concello, da falta de apoio e das dificultades que moitas veces pon a administración local”, denunciou Ana Martínez. “Por iso é fundamental unha política que se constrúa en colaboración cos axentes culturais da cidade e que teña visión de futuro”, salientou.

Martínez asegurou que cómpre garantir a conservación do patrimonio material, histórico, artístico, arquitectónico e da memoria histórica na cidade. Ademais, chamou a poñer en valor o traballo dos sectores profesionais mais tamén da cultura de base, potenciando as escolas municipais e apoiando ao tecido asociativo. “Teñen moito que aportar e queren ser escoitadas, teñen que ter a oportunidade de participar nun proxecto cultural de cidade”.

A promoción da lingua

Pola súa banda, o candidato número 11, Ramón Nicolás, subliñou a urxencia de potenciar a promoción da lingua galega, en particular entre as xeracións máis novas. “Como profesor vexo unha cada vez menor dominio entre o alumnado”, alertou. Lamentou así a falla de compromiso do actual Goberno municipal coa nosa lingua que provoca que moitas viguesas e vigueses se sintan “estranxeiros na súa propia cidade”. Puxo como exemplo a nula programación do Concello para difundir a figura e o patrimonio legado por Francisco Fernández del Riego no ano no que lle adican o Día das Letras Galegas.

O BNG de Vigo aposta na cultura como eixo estratéxico dun novo modelo de cidade