O BNG esixe ao goberno de Caballero que rectifique os servizos mínimos “abusivos” na folga de Vitrasa
A fronte nacionalista acusa ao alcalde de “esquirol en xefe ao servizo da concesionaria” por boicotear os paros parciais no servizo municipal de bus urbano
Denuncia a imposición duns servizos mínimos que superan incluso os fixados en anteriores folgas en Vitrasa e que resultaron anulados xudicialmente
Xabier P. Igrexas: “Despois de ser cómplice do empeoramento do servizo e da redución de frecuencias, Caballero volve actuar como xerente de Vitrasa en lugar de alcalde”
O Bloque Nacionalista Galego esixe ao goberno de Abel Caballero que rectifique de forma inmediata o decreto de servizos mínimos na folga de Vitrasa por consideralos “abusivos”, tal como demanda o propio Comité de Empresa. A fronte nacionalista acusa ao alcalde de Vigo de actuar como “esquirol en xefe ao servizo da concesionaria” por boicotear con esta medida os paros parciais convocados polo persoal, diante dos intentos da empresa de impoñer unha maior precariedade laboral e salarial.
“En lugar de actuar para protexer os dereitos do persoal, que presta un servizo público de titularidade municipal, o goberno de Abel Caballero insiste en vulnerar o exercicio dun dereito fundamental como a folga”, denunciou o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que trasladou o apoio do Bloque ás “lexítimas” reivindicacións dos traballadores e traballadoras do bus urbano de Vigo en loita ante o “enroque” da concesionaria na negociación do convenio colectivo, caducado desde decembro de 2020.
Igrexas censurou que o Goberno municipal volva impoñer un servizos mínimos “abertamente ilegais”, até dun 75% nalgúns momentos da xornada, e que superan os de anteriores convocatorias de folga no servizo que resultaron anulados xudicialmente.
“Caballero volve actuar como xerente de Vitrasa en lugar de como alcalde de Vigo”, reprochou, de vez que urxiu a rectificación do actual decreto para evitar unha nova condena contra o Concello
O candidato nacionalista criticou a “complicidade” do rexedor coa concesionaria, consentido reiterados incumprimentos e o empeoramento do bus urbano con reducións de frecuencias e modificacións de liñas. Afeou nese sentido as constantes negativas a realizar unha auditoría integral deste servizo público municipal, tal como ten demandado o BNG en numerosas ocasións nos últimos anos.
“Que lle debe Abel Caballero a Vitrasa?”, cuestionou o edil do BNG, que reclamou poñer fin a esta “complicidade coa concesionaria” e que o Goberno municipal defenda dunha vez o interese público xeral e os dereitos do persoal.