O BNG de Vigo critica a negativa de Caballero a aclarar no Pleno que xestións realizou co Goberno español para que se investigue o naufraxio do Villa de Pitanxo
Afean a falla de resposta no Pleno á pregunta formulada pola fronte nacionalista sobre as actuacións, prometidas polo alcalde ás familias das vítimas, para reclamar que o Goberno español despregue unha operación subacuática para localizar o buque e obter probas.
Xabier P. Igrexas: “O silencio de Caballero e do seu Goberno é un desprezo intolerábel ás vítimas e as súas familias que non merecen este maltrato. Sen coñecermos completamente a verdade do que aconteceu non pode haber xustiza nin reparación”.
¬A fronte nacionalista denuncia tamén que o veto do PSOE impediu aprobar a moción na que demandaban mobilizar 15 millóns de euros para despregar un paquete de medidas co que enfrontar o agravamento da crise na cidade.
O Bloque Nacionalista Galego criticou con dureza a negativa do alcalde de Vigo, Abel Caballero, a explicar as xestións realizadas polo rexedor para que o Goberno español investigue as causas do naufraxio do Villa de Pitanxo, tal como prometera persoalmente en maio tras unha moción do BNG aprobada de forma unánime pola Corporación. Afean a falla de explicacións á pregunta formulada polo Bloque, comprometida coas familias das vítimas, durante o Pleno municipal celebrado este mércores para coñecer se Caballero cumprira ou non coa palabra dada.
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, preguntou que xestións se realizaron desde a Alcaldía, e con que resultado, para trasladar o acordo unánime do Pleno do pasado 25 de maio, a iniciativa do Bloque, no que se instaba ao goberno de Pedro Sánchez a poñer en marcha unha operación de traballo subacuático que permita localizar o buque, descender ao mesmo para elaborar un traballo fotográfico e audiovisual, así como recoñecer a contorna para verificar a localizacións dos corpos dos tripulantes desaparecidos.
Unha pregunta rexistrada polas nacionalistas por escrito que, de acordo co artigo 66.3 do Regulamento Orgánico do Pleno, obrigaba a unha contestación oral na mesma sesión. No entanto, durante o Pleno deste mércores, o segundo tenente de alcalde, Javier Pardo, que nese momento presidía a sesión en ausencia de Caballero, limitouse a alegar que o asunto debía ser abordado como unha moción dada a súa importancia, sen ofrecer máis explicacións. Un comportamento que motivou a protesta de Igrexas a través dunha cuestión de orde.
Para o portavoz municipal nacionalista “o silencio de Caballero e do seu Goberno é un desprezo intolerábel ás vítimas e as súas familias que non merecen este maltrato”.
Ao remate da sesión plenaria, o edil nacionalista trasladoulle ás familias da vítimas do naufraxio o acontecido e reiteroulles o compromiso do BNG por seguir a “empurrar desde todos os ámbitos a súa reivindicación, que é compartida por todas as viguesas e vigueses, de coñecermos toda a verdade do acontecido”.
“Sen coñecermos completamente a verdade do que aconteceu non pode haber xustiza, e sen xustiza non pode haber a reparación que merecen as familias das vítimas”, subliñou Igrexas, que reiterou a crítica contra o Goberno español por só “ofrecer escusas cada vez máis inconsistentes” para evitar cumprir coas demandas das afectadas.
¬ Rexeitamento das medidas do BNG fronte á crise
O portavoz municipal nacionalista criticou tamén o rexeitamento do grupo municipal do PSOE á moción do BNG na que propoñía un paquete de medidas para enfrontar o agravamento da crise en Vigo. A fronte nacionalista reclamaba mobilizar 15 millóns de euros para despregar un “parapeto social” no Concello ante o aumento da pobreza e diante da incapacidade dos Gobernos galego e español para dar resposta a este contexto de emerxencia social.
Os votos en contra dos socialistas impediron o aumento das partidas do Plan de Emprego e das axudas sociais, crear un programa municipal de distribución de alimentos e un bono de consumo no comercio local, reforzar o persoal dos servizos sociais, avanzar nunha fiscalidade municipal socialmente xusta ou poñer en marcha un parque público de vivendas, entre outras medidas propostas polo Bloque.
“O PSOE no Concello, fai o mesmo que o PP na Xunta, cruzarse de brazos e virarlle ás costas á maioría social que está padecendo os brutais efectos desta crise”, reprochou Igrexas.