O BNG propón 18 melloras ao Plan Normativo do Concello de Vigo fronte á “preguiza absoluta” do Goberno de Caballero
A fronte nacionalista presenta alternativas con 8 grandes obxectivos: calidade democrática, mellores servizos públicos, compromiso feminista, freo aos procesos especulativos, maior protección ambiental, mecanismos fronte ás emerxencias, recoñecemento de dereitos da cidadanía e avances na normalización lingüística
Critica que o Goberno local só teña tramitado 7 das 25 normas proxectadas desde 2018
Xabier P. Igrexas: “O Goberno de Abel Caballero é a maioría absoluta máis preguiceira a nivel normativo que houbo nunca no Concello de Vigo”
O Bloque Nacionalista Galego vén de propoñer 18 melloras ao Plan Anual Normativo do Concello de Vigo diante da “preguiza absoluta” de Abel Caballero. A fronte nacionalista considera fundamental actualizar as normativas municipais diante da falla de iniciativa do Goberno municipal, que formula catro modificacións para o seu debate no vindeiro Pleno, e que dende 2018 tan só tramitou 7 das 25 normas proxectadas.
“O Goberno de Abel Caballero é a maioría absoluta máis preguiceira a nivel normativo que houbo nunca no Concello de Vigo”, cuestionou a este respecto o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, subliñando que estas normas teñen un “claro impacto” no funcionamento dos servizos municipais e da cidade. “Pode parecer unha cuestión formal ou burocrática pero non o é; temos normas obsoletas que nalgúns casos levan 35 anos sen revisarse, a pesar dos cambios lexislativos que se foron producindo e tamén da evolución da realidade social”, engadiu.
Igrexas afeou nese mesmo sentido que o Goberno local leve sen presentar o Plan Normativo nos últimos tres anos malia o seu carácter obrigatorio. “Igual que cos orzamentos, o desleixo e falla de xestión do executivo de Caballero fai que sexan incapaces de executar os seus propios plans normativos, con ordenanzas pendentes dende hai 6 anos que se volven incorporar no plan para o ano 2025”, lamentou o portavoz nacionalistas.
Alternativas do BNG
Fronte a esta situación, dende o BNG veñen de trasladar un voto particular para unha “revisión a fondo” que no próximo Pleno, convocado para este vindeiro luns, permita debater e votar a incorporación de outras 18 normas, a metade delas unha revisión de ordenanzas e regulamentos xa existentes e a outra metade con propostas de nova creación.
Unhas alternativas que o Bloque articula en 8 grandes obxectivos: avanzar nunha mellor calidade democrática, mellorar a prestación dos servizos públicos, intensificar o compromiso cunha sociedade igualitaria, frear os procesos especulativos, reforzar a protección do medio ambiente, dotar de máis mecanismos fronte ás emerxencias, avanzar no recoñecemento de dereitos da cidadanía e na normalización lingüística.
Calidade democrática
A fronte nacionalista considera prioritario avanzar nunha mellor calidade democrática e nunha maior participación cidadá no Concello de Vigo. Para iso, propoñen a modificación dos regulamentos de Participación Cidadá (do ano 1991) e do Regulamento Orgánico do Pleno, imposto en 2021 co único voto a prol do PSOE. Na mesma liña, chaman a democratizar o proceso de outorgamento dos recoñecementos institucionais do Concello e a garantir unha maior transparencia na concesión de axudas a través dunha Ordenanza municipal de Subvencións.
Servizos públicos
Outro dos eixos das emendas nacionalistas busca a mellora dos servizos públicos municipais, en particular, creando as condicións normativas para iniciar o proceso de remunicipalización de servizos como o autobús urbano e a auga, cuxas concesións finalizan este 2025. Aliás, o BNG pide actualizar o Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel, revisado hai catro anos, para despregar alternativas reais que reduzan o uso do vehículo particular en Vigo.
Compromiso feminista
Dende o Bloque defenden a urxencia de intensificar o compromiso do Concello cunha sociedade igualitaria, para o que propoñen crear un novo Plan Integral de Acción Municipal pola Igualdade e contra a Violencia Machista que permita actualizar e agrupar os actuais plans municipais, algúns caducados dende hai varios anos.
Freo aos procesos especulativos
No camiño de frear diferentes fenómenos especulativos na cidade, dende a fronte nacionalista propoñen crear dúas novas ordenanzas municipais. Por un lado, unha regulación das vivendas de uso turístico diante da ameaza que supoñen para o dereito á vivenda na cidade. Por outro, unha normativa que prohiba a instalación de gasolineiras a menos de 250 metros de vivendas e de ámbitos especialmente sensíbeis polo seu valor patrimonial, natural ou social.
Protección do medio ambiente
Para o Bloque urxe tamén reforzar a protección do medio ambiente da cidade coa actualización da ordenanza municipal vixente, do ano 1994, para avanzar nunha maior sustentabilidade ecolóxica. Nese sentido, piden elaborar tamén unha Estratexia Local perante a Situación de Emerxencia Climática e un regulamento de xestión e protección do arboredo urbano que “poña fin dunha vez por todas ao permanente arboricidio”.
Emerxencias
Dotar de máis mecanismos para garantir a seguridade e a capacidade de resposta diante de situacións de emerxencia, cun novo Plan municipal de acción contra as Inundacións e a revisión do actual Plan Municipal de Emerxencias, son outras das propostas nacionalistas de cara a poñer ao día as normativas do Concello de Vigo.
Dereitos Sociais e Cultura
Para o BNG é preciso avanzar no recoñecemento de dereitos da cidadanía aprobando unha Carta de Dereitos Sociais, que defina a prestación de servizos no camiño de promover a xustiza social, combater a pobreza e o empobrecemento, e garantir condicións de vida dignas ao conxunto da veciñanza, habilitando tamén mecanismos participativos do tecido asociativo e da veciñanza.
Nunha liña similar, o Bloque considera necesario recoñecer a cultura como unha necesidade social e un dereito, para o que propoñen deseñar un Plan Estratéxico Cultural contando coa opinión do sector que defina as políticas culturais do Concello de Vigo.
O galego, lingua oficial
Diante dos “alarmantes” datos de retroceso do uso social da lingua galega en Vigo, a fronte nacionalista chama a modificar a ordenanza municipal de normalización lingüística, aprobada por unanimidade en 1989, para adecuala ao Plan Xeral de Normalización do ano 2004 e tamén á Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias (ratificada polo Estado español en 2021). Unha proposta que debe incorporar, a xuízo do Bloque, novas liñas de acción para a promoción activa da lingua galega dotando de plena eficacia o carácter de idioma oficial do Concello.