O BNG cualifica de “tomadura de pelo” a Mesa da Ciencia Pesqueira para compensar a perda das sedes do IEO en Vigo
A fronte nacionalista ve un “insulto á intelixencia” este intento do Goberno español de reparar o agravio coa cidade cun foro sen peso investigador, sen persoal adscrito e de apenas unhas horas
Carmela González: “Esta mesa de debate non é máis que un premio de consolación que pretende calar as críticas da comunidade científica, socioeconómica e política”
Xabier P. Igrexas: “Lamentamos que Abel Caballero se volva pregar outra vez aos ditados desde a Moncloa e Ferraz en lugar de defender de verdade os intereses de Vigo”
O Bloque Nacionalista Galego cualifica de “tomadura de pelo” a Mesa da Ciencia Pesqueira celebrada este xoves en Vigo como unha compensación pola perda das sedes permanentes de pesquerías e acuicultura do Instituto Español de Oceanografía (IEO). A fronte nacionalista rexeita este intento do Goberno español de reparar o agravio coa cidade cun foro sen peso investigador e de apenas unhas horas.
“Pretender compensar con esta Mesa a perda de peso de Galiza no ecosistema investigador do Instituto Español de Oceanografía é un insulto á intelixencia das galegas e dos galegos”, denunciou a deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, que considerou que este foro “non é máis que un premio de consolación que pretende calar as críticas da comunidade científica, socioeconómica e política”.
González asegurou que esta Mesa non ten nin persoal adscrito nin sede, e que malia anunciarse Vigo como localización para celebrar de forma anual este foro, o propio Goberno español deixa a porta aberta a que poida ter lugar en outras localidades cando os asuntos a tratar afecten en exclusiva a outros caladoiros do Estado
A deputada nacionalista insistiu en que a decisión do Executivo de PSOE e Unidas Podemos de trasladar as sedes permanentes a Santander e Mazarrón foi un “mazazo para os centros galegos e para o sector do mar do País”.
E reclamou explicacións á Xunta de Galiza do PP, a quen acusou de permanecer “impasíbel” diante da perda de capacidade científica e da independencia dos centros de investigación mariña
Lembrou, nese sentido, que o Parlamento galego aprobou até catro iniciativas do BNG para iniciar o traspaso de competencias a Galiza dos centros do IEO. “E que fixo a Xunta? Pois nada de nada”, reprochou González, que criticou que en 13 anos de goberno do PP non se acadara ningunha competencia nova para o País.
“Lavado de cara” de Abel Caballero
No mesmo sentido, o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, tachou de “especialmente grave” que o rexedor socialista, Abel Caballero, decidise participar neste foro “como un intento ofensivo de lavado de cara” do goberno de Pedro Sánchez en vez de “plantarse contra a decisión inxusta de deixar Vigo sen as sedes permanentes do IEO”.
Igrexas reiterou a importancia de que a cidade conte con estas sedes como centro “pioneiro e de vangarda” dentro da rede estatal do IEO e pola importancia do sector do mar en Vigo, na súa área e no conxunto de Galiza. “O BNG seguimos traballando para reparar ese agravio, para corrixir esta decisión e lamentamos que Abel Caballero se volva pregar outra vez aos ditados desde a Moncloa e Ferraz en lugar de defender de verdade os intereses de Vigo”.