O BNG de Vigo esixe a retirada inmediata das luces de Nadal penduradas na Oliveira do paseo de Afonso
A fronte nacionalista denuncia que Abel Caballero continúa a incumprir deliberadamente a ordenanza de zonas naturais “tratando as árbores como postes” para instalar alumeado
Xabier P. Igrexas: “O Goberno municipal atenta contra un exemplar tan singular e valioso da nosa cidade, con preto de 200 anos, vandalizándoo para cubrilo con luces led”
O Bloque Nacionalista Galego esixe a retirada das luces de Nadal penduradas na Oliveira do paseo de Afonso de Vigo. A fronte nacionalista denuncia que o Goberno de Abel Caballero continúa a incumprir deliberadamente un máis ano a ordenanza municipal de zonas naturais e espazos verdes “tratando as árbores como postes” para instalar alumeado.
“Unha situación que este ano vai atentar contra un exemplar tan singular e valioso da nosa cidade como a Oliveira, con preto de 200 anos, e que vén de ser vandalizada para cubrila con luces led”, lamentou sobre esta actuación o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Dende o Bloque reclamaron así a retirada inmediata do alumeado instalado nos pasados días nesta árbore emblemática de Vigo, así como que o Goberno municipal garanta o cumprimento da normativa para protexer o arboredo da cidade. “Non pode volver ser convertido en atrezo do seu particular parque temático”, defendeu Igrexas.
O portavoz municipal nacionalista asegurou que o alcalde “non pode alegar descoñecemento” deste incumprimento, pois o propio BNG ten insistido nas últimas Comisións Informativas de Medio Ambiente, así como en anos anteriores, desta obriga legal do Concello. Así, a ordenanza estabelece no seu artigo 16.6 de forma clara “a prohibición de arrincar ou partir árbores, pelar ou arrincar as súas ‘cortizas’, cravar puntas, atar ás mesmas randeiras, escaleiras, ferramentas, soportes de andamiaxe, ciclomotores, bicicletas, carteis ou calquera outro elemento, gabear ou subir ás mesmas”.
Igrexas afeou que o Goberno local non teña aprendido nin tan sequera das súas propias rectificacións, en referencia á decisión da pasada edición na que, tras protestas veciñais e denuncias do Bloque, se retirou o alumeado que viña instalándose noutro exemplar singular da cidade como a araucaria excelsa da Alameda.