O BNG afea o veto de Caballero ás 152 alternativas nacionalistas para os Orzamentos de Vigo de 2025

Xabier P Igrexas, Ana Martínez e Filipe Abalde no Pleno municipal
Xabier P Igrexas, Ana Martínez e Filipe Abalde no Pleno municipal

A fronte nacionalista rexeita no Pleno as contas do PSOE por ser un “copia-pega” de anos anteriores que evidencian “a fatiga dun Goberno municipal consumido pola inercia”

As propostas do BNG buscaban melloras en 7 grandes eixos: política social, vivenda, investimentos nos barrios, axenda feminista, cultura, deporte e por un Vigo máis verde

Xabier P. Igrexas: “As 152 emendas do BNG definen un horizonte de esperanza fronte a un Goberno municipal que xa non ten nada que ofrecerlle ás viguesas e aos vigueses”

O BNG afea o veto de Caballero ás 152 alternativas nacionalistas para os Orzamentos de Vigo de 2025

O Bloque Nacionalista Galego afea o veto do Goberno de Abel Caballero ás 152 alternativas nacionalistas formuladas aos Orzamentos Municipais do Concello de Vigo para 2025. Así, a fronte nacionalista rexeitou este xoves, no Pleno de aprobación inicial, o proxecto do PSOE por ser un “copia-pega” de anos anteriores que evidencian “a fatiga dun Goberno municipal consumido pola inercia”.

“Estas 152 emendas do BNG demostran, con medidas e cifras concretas, que si hai unha alternativa en positivo fronte á inercia do actual desgoberno para avanzaramos cara a un Vigo máis habitábel e verde, igualitario e socialmente xusto, que volva ser un potente pulmón industrial e produtivo, vangarda da creación cultural e que exerza, como maior cidade galega, como motor de todo un País”, salientou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

Dende o Bloque lamentaron que o Goberno de Caballero volvera elaborar un ano máis os Orzamentos Municipais en “réxime de monólogo” e, criticaron, que veña precedido dunha suba “inxusta e inxustificada” do 4% nos impostos municipais. “Estes orzamentos están escritos no papel mollado da súa permanente inexecución que fixo que o ano 2023 concluíse con 115 millóns de euros sen gastar e que vai elevar esa cifra este 2024 até moi probabelmente os 150 millóns; ese é o verdadeiro récord das súas contas: que son un conto”, valorou Igrexas na sesión plenaria.

O portavoz municipal do BNG defendeu as 152 emendas parciais do BNG como “unha oportunidade sincera” para que o executivo de Caballero rectifique e dote dun “orzamento útil de toda a cidade e para toda a cidade” e en contraposición á emenda de devolución formulada polo PP. “O BNG non xogamos por preguiza ao canto peor mellor e cremos fundamental que o Concello conte con orzamentos en vigor desde o día 1 de xaneiro, mais discrepamos moito da orientación dos presupostos do Goberno local”, afirmou.

“As 152 emendas do BNG elaboradas escoitando ao tecido asociativo definen un horizonte de esperanza fronte a un Goberno municipal que xa non ten nada que ofrecerlle ás viguesas e aos vigueses”, remachou Igrexas tras expoñer os sete grandes eixos das 152 alternativas formuladas polo BNG: política social, vivenda, investimentos nos barrios, axenda feminista, cultura, deporte e por un Vigo máis verde.

Parapeto social

Dende a fronte nacionalista defenderon como prioridade nas contas municipais o reforzo dos recursos para facer do Concello un “grande parapeto social” diante da crecente pobreza e empobrecemento en Vigo. “Nunha cidade con máis de 60 mil persoas en risco de exclusión social, na que centos de persoas teñen que acudir ás filas da fame, pode e debe facer moito máis para atender a emerxencia social”, reclamou Igrexas.

O BNG chamou así a destinar 1,2 millóns adicionais para as axudas a familias e fondos de emerxencia de desafiuzamentos (para un total de 2,5 millóns) fronte ao recorte do 7,14% que se recolle no proxecto de orzamentos. Na mesma liña, Igrexas chamou a destinar como mínimo 3 millóns de euros en políticas de promoción do emprego diante da continuada destrución de postos de traballo, en particular na industria local, e das máis de 22 mil persoas en situación de desemprego que hai na cidade.

Política de vivenda

E ante un dos principais problemas sociais en Vigo como o acceso á vivenda, a fronte nacionalista urxiu nas súas emendas unha “enérxica” política pública mobilizando 3,45 millóns de euros para despregar un Plan Municipal de Axuda ao Alugueiro, crear unha Axencia Local de Vivenda Protexida e Social e un Programa municipal de alternativas habitacionais para persoas en situación de vulnerabilidade, tres das medidas aprobadas polo Pleno o pasado marzo a través dunha moción do propio Bloque.

Fin ao abandono dos barrios e parroquias

Outro dos eixos fundamentais para o BNG pasa por poñer fin ao “abandono” que padecen os barrios e parroquias da cidade. Para ese fin, reiteraron a proposta de poñer en marcha o chamado Plan Cidade, un plan de investimentos para infraestruturas, dotacións e mellora dos servizos no conxunto da cidade, así como duplicar a partida destinada ao Plan de Beirarrúas. En paralelo, pediron despregar un proxecto piloto de orzamentos participativos que permitan á veciñanza decidir o uso dos recursos do Concello.

Empresa Pública Municipal de Servizos

Dende o Bloque cuestionaron tamén no Pleno a continuada privatización de servizos públicos por parte do Goberno de Caballero, a quen tachou de “campión das privatizacións”. Fronte a esta situación, a fronte nacionalista apostou por avanzar cara á remunicipalización mediante a creación dunha Empresa Pública Municipal de Servizos que inicie o estudo para o rescate de concesións como o transporte urbano e o abastecemento de auga.

Entre outras actuacións, propuxeron tamén nas súas emendas a creación de tres novas escolas infantís municipais diante da crecente demanda en barrios como Balaídos, Teis ou no Calvario. Aliás, demandaron poñer en marcha dous novos centros cívicos en Navia e no Calvario, así como destinar recursos para reconverter a antiga estación de autobuses da Avenida de Madrid nun espazo para usos sociocomunitarios.

Axenda feminista

No relativo ás políticas feministas do Concello de Vigo, as emendas nacionalistas buscan recoller o mandato do movemento feminista e dos masivos 8 de marzo na cidade para destinar ‘máis recursos e menos discursos’ que faga da axenda feminista unha prioridade. Así, o BNG propuxo aumentar case un 5.000% a partida para campañas de sensibilización en contra da violencia machista de apenas 3 mil euros. “Menos do que se gasta o Concello en atencións protocolarias”, afeou o portavoz municipal do Bloque.

No mesmo camiño, o Bloque pediu aumentar os fondos para o Plan Municipal de Igualdade de Oportunidade, crear un novo Programa de apoio a mulleres vítimas de violencia machista e un Plan de Apoio aos Coidados. Do mesmo xeito, chamaron a ampliar os recursos para o Servizo de Axuda no Fogar, o convenio coa Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos e a posta en marcha de dous novos Centros de Información ás Mulleres nos barrios de Coia e Teis.

Reverter a desertización cultural

As alternativas do BNG ao proxecto de contas de Caballero incluía tamén unha ampla batería de propostas para “reverter a desertización cultural” da cidade nos últimos anos. A fronte nacionalista demandaba duplicar os recursos para a programación do Auditorio Municipal, o impulso da Rede Museística e actuacións de apoio aos grupos locais e cunha oferta atractiva para a mocidade.

Entre elas, Igrexas destacou a realización dunha Feira das Artes Plásticas e Visuais, a organización dunha Mostra Atlántica de Danza e Circo, a dinamización da música e o baile tradicional galegos e despregar unha grande Semana da Literartura que converta Vigo na capital galega do libro. Así mesmo, reiteraron a necesidade dunha Rede Municipal de Bibliotecas en todos os barrios, principiando con 4 novas en Valadares, Coia, Navia e Lavadores, e garantindo os fondos para a prometida en Teis.

Mais se hai un “proxecto ambicioso” no ámbito cultural, a xuízo do portavoz municipal do BNG, é a proposta de converter a antiga e abandonada fábrica de pinturas na grande “Fábrica Cultural de Teis”, co obxectivo de poñer 2 mil metros cadrados ao servizo da creación artística.

Vigo moito máis verde

Dende a fronte nacionalista pedían nas súas emendas medidas para avanzar cara a unha cidade máis sustentábel e habitábel. “Un Vigo moito máis verde fronte ao arboricidio permanente e o maltrato ao noso medio natural”, defendeu Igrexas. Entre as propostas do Bloque, destacou o reforzo e mellora do transporte colectivo con medidas como facer gratuíto o autobús para as persoas en situación de desemprego e menores de 14 anos.

Aliás, pediron despregar dunha vez un Plan Municipal de resposta á emerxencia climática, pasados 5 anos dende a declaración unánime do Pleno, cun programa de axudas para a protección e valorización dos nosos montes que faga realidade o prometido Anel Verde, unha nova senda litoral en Saiáns, un programa de protección do río Lagares e máis recursos para a recuperación de zonas verdes.

E no relativo a VigoZoo, as nacionalistas volveron insistir na necesidade de “deixar atrás definitivamente o seu modelo exhibicionista e maltratado”, destinando recursos para transformalo nun centro de recuperación e protección da fauna, na liña da estratexia Zoo XXI, así como manter o convenio coa sociedade protectora que xestionaba o refuxio de animais da Madroa até a súa recente privatización.

Deporte e mocidade

O Bloque trasladou tamén emendas para poñer “punto e final ao castigo” que padecen o deporte e a mocidade viguesa. No ámbito deportivo, propuñan incrementar as partidas para a mellora das instalacións deportivas municipais, diante do mal estado de moitas delas, así como fondos para dotacións prometidas como a reforma das pistas de atletismo de Balaídos, do campo da ETEA, da piscina de Teis e do pavillón deportivo en Matamá, e a creación dun campo municipal de béisbol e outro de rugby. Na mesma liña, chamaron a impulsar Escolas deportivas municipais, aumentar as subvencións aos clubs e reactivar o programa Siareiros da Fundación Vigo Deporte.

E fronte ao “desmantelamento” nos últimos anos de boa parte das políticas xuvenís, dende a fronte nacionalista demandaron a recuperación dos programas de dinamización como o Súbete ó Castro, o Punto Xove e a Casa da Xuventude e poñer en marcha un programa de actividade de Cultura Moza e outro de Promoción dos grupos locais.

O BNG afea o veto de Caballero ás 152 alternativas nacionalistas para os Orzamentos de Vigo de 2025