O BNG quere colocar Vigo na vangarda do benestar animal
Propoñen realizar un estudo con proxectos-piloto para permitir o acceso de animais ao transporte urbano, ou a dotacións municipais como o albergue.
O BNG vén de manter un encontro con colectivos e asociacións en defensa dos animais para trasladarlles as propostas en materia de benestar recollidas no Programa Electoral coas que Xabier P. Igrexas, candidato á alcaldía, concorre ás eleccións municipais do vindeiro 26 de maio. Neste sentido o candidato quixo expoñerlles medidas como a elaboración dunha Ordenanza Municipal de Protección e Benestar Animal ou un Plan estábel de axudas dende o Concello para entidades non lucrativas de protección.
“Nós entendemos a cidade non só como un espazo senón como unha comunidade. Unha comunidade diversa que debe tamén incorporar as nosas compañeiras peludas e peludos. Por iso queremos despregar políticas avanzadas que coloquen Vigo na vangarda do benestar animal”, resumíu.
O compromiso do BNG coa defensa dos animais é claro e así se recolle en boa parte das 537 medidas das que consta o Programa Electoral baixo o epígrafe “Ideas claras para un novo impulso”, nas que tamén están recollidos estes colectivos no compromiso de “reconciliar a cidade co seu medio natural”, promovendo o respeito aos dereitos dos animais e o seu benestar e acabando con modelos como o exhibicionista de VigoZoo. Unha das primeiras cuestións que o Bloque defenderá será a elaboración, participativa en colaboración cos colectivos animalistas dunha nova Ordenanza Municipal de Protección e Benestar Animal que substitúa a actual. Aliás, a fronte nacionalista comprométese a ampliar e reorganizar, dotando de máis medios, o refuxio municipal da Madroa.
Igrexas quixo poñer de manifesto medidas como a aplicación dun método de captura, esterilización e solta (CES) para controlar o número de gatos na rúa establecendo un protocolo para censar as colonias existentes e procurar para a súa xestión a colaboración de asociacións protectoras radicadas no municipio, dotándoos dos medios necesarios sinalizando tamén as zonas para evitar atropelos. Do mesmo xeito trasladoulles o seu compromiso para por en marcha un programa de control e xestión de fauna urbana, a través tamén da esterilización e baseado no principio “sacrificios cero”. E enfatizou na importancia de facer deste servizo un servizo gratuíto para persoas con animais de compañía e baixos recursos. Tamén impulsará que o Concello poña en marcha un servizo veterinario municipal de carácter público e prezos asequíbeis, ou pular por ofertar a opción de menús veganos nos comedores escolares.
No relativo aos animais domésticos, o candidato da fronte nacionalista puxo de manifesto a importancia de facer un estudo e desenvolvemento de proxectos piloto para permitir o acceso de animais destas características a servizos tan básicos como o autobús urbano ou os albergues municipais, algo que tamén lles foi trasladado no seu día ao colectivo Os Ninguéns para facilitar que persoas con poucos recursos e sen vivenda poidan facer uso do albergue sen medo a deixar á súa mascota fora.
Ante a merca de animais, Pérez Igrexas propón un modelo que se afaste do actual modelo mercantilista en prol dunha alternativa que promova a adopción para evitar que os animais se convertan nun instrumento transaccional e lucrativo. Tamén que se avance na limitación estrita da práctica de caza en todo o termo municipal para avanzar cara a súa desaparición ou medidas concretas para declarar Vigo como cidade contraria ao maltrato animal incluídas por exemplo as touradas como expresión de tortura.