O BNG rexeita a suba “antisocial” do prezo do billete de bus en Vigo
Critican que as tarifas bonificadas aumenten nun 5,66%, case o duplo do IPC, e que o Goberno de Abel Caballero rexeitara facer gratuíto o bus para menores de 14 anos e persoas empobrecidas
Lembran que Vitrasa continúa a prestar 250 frecuencias menos de bus das existentes en 2019
Xabier P. Igrexas: "Vamos pagar máis por un servizo de bus cada vez peor”.
O Bloque Nacionalista Galego vén de expresar o seu rexeitamento á suba do billete do servizo de autobús urbano en Vigo. “A suba do billete de Vitrasa vén de ser acordada pola porta de atrás, xa que un ano máis e de maneira irregular aprobouse sen ser debatida antes no Consello Sectorial de Transportes do Concello”, reprochou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Unha suba que, segundo denuncia o nacionalista, consolida o prezo do bus de Vigo como o máis caro de toda Galiza e un dos máis caros do conxunto do Estado español, o que supón “un duplo castigo ás viguesas e vigueses que vamos pagar aínda máis por un servizo cada vez máis escaso e precario”. Neste sentido, lembran que o Goberno de Abel Caballero consinte que a día de hoxe haxa 250 frecuencias de bus menos das que había en 2019.
“Desde o BNG rexeitamos esta subida que é profundamente antisocial, como demostra que as tarifas bonificadas da Pass Vigo aumenten un 5,66%, case o duplo do incremento do IPC”, afirmou Igrexas.
Ademais critican que se mantén o feito inxusto e irracional de que o estudantado non universitario pague un 28% máis caro o billete que o que o alumnado da Universidade de Vigo.
Aliás, as nacionalistas lamentan que o veto do PSOE de Abel Caballero impedise, como propuña o BNG na tramitación dos orzamentos municipais, estabelecer a gratuidade do bus para menores de 14 anos e persoas desempregadas e perceptoras do RISGA, Ingreso Mínimo Vital e outros subsidios de subsistencia.