O BNG de Vigo cualifica de “insulto propagandístico” as axudas para rehabilitar vivendas para alugueiro anunciadas por Caballero
Critican que esas axudas só beneficiarán a menos de 40 vivendas nunha cidade na que xa son máis de 6 mil as persoas rexistradas como demandantes de vivenda protexida
A fronte nacionalista propón, de novo, crear a Axencia Local de Vivenda Protexida e Social, mobilizar 5 dos case 200 millóns de euros de remanentes para política de vivenda, e despregar un Plan de Emerxencia Habitacional con 250 vivendas municipais este ano
Xabier P. Igrexas: “Non lle imos esixir a Caballero as 6 mil vivendas que prometeu que faría en 2007 e das que 16 anos despois non fixo ningunha, pero o Goberno municipal pode e debe facer moito máis para facilitar o acceso social á vivenda”
O Bloque Nacionalista Galego cualificou de “insultante” o anuncio realizado onte polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, dunha liña de axudas municipais á rehabilitación de vivendas para as destinar a alugueiro.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, rexeitou este anuncio propagandístico que “no mellor dos casos permitirá rehabilitar menos de 40 vivendas para destinalas a alugueiro”. “Unha verdadeira tomadura de pelo tendo en conta o gravísimo problema de acceso social á vivenda que padecemos en Vigo”, remachou.
Igrexas lembrou que en Vigo xa son máis de 6 mil as familias rexistradas como demandantes de vivenda protexida, das que 8 de cada 10 piden ter acceso a alugueiro social. Nun contexto marcado polo aumento do prezo dos alugueiros por volta dun 30% nos últimos cinco anos e polo avance “sen freo” da ameaza ultraespeculativa dos pisos turísticos, que son xa máis de 2150 na cidade após incrementarse nun 217% desde 2021, nunha cidade na que seguen a ser máis de 22 mil as vivendas baleiras (segundo datos oficiais do censo do INE, en troca das 12 mil das que fala o alcalde).
“Non lle imos esixir a Caballero as 6 mil vivendas que prometeu que faría en 2007 e das que 16 anos despois non fixo ningunha, pero o Goberno municipal pode e debe facer moito máis para facilitar o acceso social á vivenda”, defende.
O portavoz municipal nacionalista anunciou que no vindeiro Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo proporán tres medidas concretas. A primeira, constituír a Axencia Local de Vivenda Protexida e Social como primeiro paso para dotar a cidade dun parque de vivenda pública. Promover unha modificación orzamentaria para incorporar, no mínimo, 5 dos preto de 200 millóns de euros que ten o Concello de remanentes para despregar política de vivenda. E por último, despregar un Plan de Emerxencia Habitacional que permita dispoñer ao longo deste 2025 de como mínimo 250 vivendas municipais para alugueiro social, tendo en conta que a día de hoxe a Sareb e outros bancos privados rescatados con diñeiro público dispoñen de máis de 300 pisos baleiros.
“Efectivizar esas tres medidas, que xa foron acordadas no Pleno do pasado mes de marzo a través dunha moción do BNG, só require de vontade política e por iso tendémoslle a man ao Goberno local para poñelas en marcha antes de que remate este mes de xaneiro”, remachou Igrexas.