O BNG advirte a Rueda que a reunión frustrada con Caballero non é escusa para persistir no abandono da Xunta con Vigo
Xabier P. Igrexas: «Se a Xunta do PP quere abrir de verdade unha nova etapa en Vigo, desde o BNG esiximos que pasen das declaracións aos feitos»
O Bloque Nacionalista Galego advirte ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que a reunión frustrada co alcalde de Vigo, Abel Caballero, non pode ser unha escusa para persistir na política de «total abandono» do Goberno galego coa cidade. A fronte nacionalista chama ao Executivo do PP a demostrar o seu compromiso con Vigo incrementando os investimentos nos vindeiros orzamentos, após rexeitar as propostas realizadas polo Bloque nos últimos catro exercicios, por valor de 285 millóns de euros.
«Desde o BNG non imos tolerar que Rueda utilice o plantón de Caballero para seguir desertando das súas responsabilidades en Vigo, como leva facendo o goberno PP durante 13 anos contra a maior cidade de Galiza», reprochou o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que cualificou de «bochorno» o intercambio de acusacións entre ambos mandatarios para non celebrar un encontro institucional.
Igrexas expresou a profunda «desconfianza» do BNG a respecto dun cambio das políticas da Xunta na cidade
«Non só polas nosas diferenzas políticas co goberno do PP, senón pola súa práctica nestes últimos anos», matizou o edil do Bloque, que chamou a Rueda a «pasar das declaracións aos feitos» para probar que o Goberno galego quere abrir de verdade unha nova etapa en Vigo.
Orzamentos da Xunta 2023
O candidato do BNG asegurou que o presidente galego vai ter unha «oportunidade magnífica» para demostralo na elaboración dos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2023. Lembrou, nese sentido, as negativas do Goberno do PP a incrementar os investimentos na cidade, tal como propuxo a fronte nacionalista de forma reiterada nas súas emendas.
«Feixóo e Rueda dixeron que non nestes catro últimos anos a investir 285 millóns de euros adicionais na maior cidade do noso País», lamentou o candidato do BNG en Vigo.
Unhas emendas do BNG que procuraban a reactivación produtiva e industrial en Vigo, melloras na promoción económica e laboral da cidade, o fortalecemento dos servizos públicos rectificando as políticas privatizadoras e de recortes (en particular no ámbito sanitario), o avance en numerosas infraestruturas pendentes e unha aposta decidida pola innovación e a sustentabilidade.
«Queremos que a Xunta deixe de tratar a Vigo como a cidade-estado de Abel Caballero, que atenda as necesidades das preto de 300 mil persoas que vivimos en Vigo que ademais de sermos viguesas e vigueses, somos galegas e galegos con dereitos», remachou Igrexas.