O BNG de Vigo cuestiona o «populismo fiscal» de Caballero e pide mobilizar 20 millóns para atender necesidades sociais
A fronte nacionalista reclama condicionar a axuda extraordinaria para libros de texto ao nivel de renda para que as familias con menores ingresos perciban contías maiores
Aumentar as partidas do Plan de Emprego e do cheque social, crear un programa de distribución de alimentos e un bono consumo no comercio local, axudas para acceder a unha vivenda e para o uso do autobús, entre as propostas do BNG
Xabier P. Igrexas: «Fronte a este oportunismo de Abel Díaz Ayuso para doparse cara as eleccións, o BNG propoñemos medidas concretas que protexan á poboación dos graves efectos da crise mobilizando o diñeiro que o Concello ten parado na caixa»
O Bloque Nacionalista Galego vén de formular emendas á modificación orzamentaria proposta pola Goberno municipal de Vigo e pide mobilizar 20 millóns de euros adicionais para atender necesidades sociais no actual contexto de crise. A fronte nacionalista cuestiona así o «populismo fiscal» de Abel Caballero coa axuda extraordinaria para libros de texto e reclama condicionar a súa concesión a criterios de renda.
«Fronte a este oportunismo de Abel Díaz Ayuso para doparse cara as eleccións municipais de maio, o BNG propoñemos medidas concretas que protexan á poboación dos graves efectos da crise mobilizando o diñeiro que o Concello ten parado na caixa», defendeu o concelleiro e candidato á Alcaldía do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que lembrou que a administración local conta nestes momentos con 135 millóns en remanente de tesourería.
Igrexas acusou ao PSOE de Caballero de «doparse electoralmente co diñeiro de todos os vigueses e viguesas» en lugar de dar unha «orientación social e equidistributiva» aos recursos do Concello
Rexeitou así a «tarifa plana» de 205 euros para libros de texto por non atender ao nivel de renda para que as familias e fogares con menores recursos poidan percibir contías maiores. Nese sentido, considerou «razóabel e xusto socialmente» excluír das mesmas a aquelas unidades de convivencia con ingresos superiores a tres veces o salario mínimo interprofesional, equivalente a uns 3 mil euros mensuais.
Parapeto social do Concello
Para alén desta axuda, o candidato nacionalista urxiu incrementar os esforzos municipais para atender o agravamento da crise e o seu grave impacto na maioría social. Igrexas presentou as emendas do Bloque que buscan mobilizar 19,6 millóns de euros de remanentes co obxectivo de despregar un «parapeto social» desde o Concello ante a carestía da vida.
Desde o BNG chaman a aumentar en cinco millóns de euros o Plan de Emprego Municipal e unha convocatoria extraordinario do coñecido como cheque social por importe similar. Ademais, piden incrementar a partida orzamentaria para as axudas sociais de emerxencia e a posta en marcha dun programa municipal de distribución de alimentos e bens de primeira necesidade que poña fin ás «colas da fame» que se producen a diario na cidade. Ante as dificultades que tamén atravesa o pequeno e mediano comercio local nesta crise, Igrexas propuxo un bono de consumo destinado a familias de baixos recursos.
En materia de vivenda, unha das principais preocupacións das viguesas e dos vigueses, o concelleiro nacionalista demandou un estudo para crear unha Axencia Local de Vivenda Protexida e Social, como primeiro paso para articular un parque de vivenda pública en Vigo. Ademais, chamou a actuar ante as cada vez máis esixentes garantías para acceder a unha vivenda cun Plan Municipal Facilitador do Alugueiro, no que o Concello asuma e responda polos avais, seguros e fianzas á hora de subscribir os contratos. Ademais, as nacionalistas insisten na necesidade de facer gratuíto o autobús urbano para perceptoras de axudas sociais e desempregadas de longa duración.