O BNG de Vigo pide aclarar o futuro das pistas de atletismo ante o inicio das obras na bancada de Gol

Filipe Abalde, concelleiro BNG Vigo
Filipe Abalde, concelleiro BNG Vigo

A fronte nacionalista pregunta ao Goberno local como van afectar estes traballos ás pistas de atletismo, que o alcalde comprometera reformar de forma simultánea a Balaídos

Filipe Abalde: “As e os atletas de Vigo seguen sen un espazo adecuado para adestrar e competir, cunhas instalacións en estado de abandono e material obsoleto”

O BNG de Vigo pide aclarar o futuro das pistas de atletismo ante o inicio das obras na bancada de Gol

O Bloque Nacionalista Galego pide aclarar o futuro das pistas de atletismo de Balaídos diante do inicio das obras na bancada de Gol previstas para esta semana. A fronte nacionalista pregunta ao Goberno de Caballero como van afectar estes traballos ás pistas de atletismo, que o alcalde comprometera reformar de forma simultánea á última bancada de Balaídos, pero cuxa licitación inda non foi iniciada.

“En que situación van quedar as pistas de atletismo e as persoas usuarias desta instalación?”, interpelou o concelleiro do BNG de Vigo, Filipe Abalde, na Comisión Informativa celebrada este luns. “Dende o Bloque temos preguntando en numerosas ocasións sen obter resposta polos detalles e prazos reais deste proxecto”, lamentou.

Abalde afeou unha nova “mentira” de Abel Caballero sobre as pistas de atletismo, cuxa reforma leva pendente dende 2009 malia os reiterados anuncios, o último en marzo de 2024. “A realidade é que as máis de 300 persoas usuarias seguen ignoradas, vendo como as instalacións en condicións moi precarias continúan sen melloras, con material obsoleto e quedando a escuras por problemas na instalación eléctrica”, denunciou.

Para o concelleiro nacionalista o silencio do Goberno municipal evidencia a “falla de planificación” e a “despreocupación” polo deporte vigués. “A cidade non pode permitirse seguir deixando de lado a tantas e tantos deportistas que merecen instalacións dignas e modernas”, reclamou Abalde, chamando a cumprir dunha vez coa promesa de reformar o estadio de atletismo.

Dende a fronte nacionalista demandaron tamén un compromiso claro do PP dende a Xunta de Galiza, despois de meter nun caixón o convenio asinado en 2009 por iniciativa do BNG entre o Concello e o Goberno galego para a remodelación do complexo deportivo.

O BNG de Vigo pide aclarar o futuro das pistas de atletismo ante o inicio das obras na bancada de Gol