O BNG urxe medidas da Xunta ante os graves problemas de convivencia na residencia pública do Meixoeiro
A fronte nacionalista demanda no Parlamento galego a creación de unidades específicas en Vigo para atender os casos de psiquiatría e emerxencia social, que hoxe son derivados sen os recursos necesarios a residencias de maiores
Alexandra Fernández: “O problema non son as persoas que son derivadas inadecuadamente a estes centros e que non deben ser estigmatizadas, senón a falla dunha atención especializada”
O Bloque Nacionalista Galego urxe medidas da Xunta ante os graves problemas de convivencia no Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes (CRAPD) de Vigo. A fronte nacionalista vén de rexistrar iniciativas no Parlamento galego para demandar a creación de unidades específicas para atender os casos de emerxencia social e de psiquiatría, que hoxe son derivados a centros de maiores como esta residencia pública do Meixoeiro, dependente do Goberno galego.
Así, a deputada do BNG no Parlamento galego Alexandra Fernández esixiu que o Goberno de Rueda “tome cartas no asunto de forma inmediata” e rectifique este protocolo diante das denuncias das persoas usuarias e do persoal do CRAPD, que se veñen sucedendo dende o pasado ano, a respecto dos problemas de convivencia e situacións de inseguridade que se están a producir no centro.
Na actualidade, o CRAPD de Vigo acolle a máis de 35 persoas con perfís psiquiátricos ou de adiccións que non contan coa atención específica que precisan e que comparten espazos comúns e habitacións cos e coas maiores residentes. “O problema non son as persoas que son derivadas inadecuadamente e sen recursos a estes centros e que non deben ser estigmatizadas, senón a falla dunha atención especializada”, subliñou Fernández.
Por estes motivos, o BNG chama a poñer en marcha en Vigo unidades de psico-xeriatría nas residencias de maiores así como crear centros extrahospitalarios de carácter residencial, que permitan atender de forma integral ás persoas con enfermidades psiquiátricas ou en situación de emerxencia social. “Estas persoas requiren dun tratamento sociosanitario específico, con recursos suficientes e persoal de apoio especializado e formado para tal fin”, reclamou a deputada nacionalista.
Fernández asegurou que con esta política da Xunta, que é consecuencia do desmantelamento da rede asistencial pública no ámbito psiquiátrico e a ausencia de camas socio-sanitarias, “perden todos”. “Perden as doentes psiquiátricas que non reciben a atención que precisan, perden as persoas maiores que viven con medo e intranquilidade ante o ambiente que se está xerando na residencia, e tamén perde o persoal que xa ten sufrido episodios de agresións e que non está preparado para tratar este tipo de perfís”, lamentou.