O BNG de Vigo denuncia o agravamento do “abandono deliberado” das pistas de atletismo

Estado de abandono das pistas de atletismo de Balaídos
Estado de abandono das pistas de atletismo de Balaídos

A fronte nacionalista lamenta que o Goberno municipal non actuara para resolver os numerosos danos nas instalacións de Balaídos, como urxía a moción do BNG aprobada polo Pleno en outubro

Xabier P. Igrexas: “Non se moveu nin un só dedo para resolver nin un só dos problemas e esa absoluta neglixencia na xestión agravouse nas últimas semanas”

O BNG de Vigo denuncia o agravamento do “abandono deliberado” das pistas de atletismo

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo denuncia o agravamento do “abandono deliberado” das pistas de atletismo de Balaídos por parte do goberno de Abel Caballero. A fronte nacionalista lamenta que non se teña actuado para resolver o “penoso estado” destas instalacións deportivas municipais malia o acordo do Pleno, o pasado 26 de outubro, tras unha iniciativa do BNG urxindo medidas ante o deterioro.

“Transcorridos dous meses constatamos que o Goberno municipal non atendeu nin unha soa das cuestións que se denunciaban”, cuestionou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que acusou á concellaría de Deportes de “non mover nin un só dedo” diante dos problemas que levan padecendo durante anos as e os deportistas.

O edil nacionalista asegurou que este “desleixo e neglixencia na xestión” están a agravar o xa “lamentábel” estado das instalacións de Balaídos. Así, alertou de que a falla de mantemento continúa a provocar constantes inundacións das pistas con importantes danos no tartán que, segundo advirten as e os propios deportistas, poderían derivar nunha perda da homologación que impida a celebración de competicións oficiais de atletismo.

Igrexas sinalou ademais outras situacións “dantescas e impropias” dunhas dependencias públicas como a falla de papel hixiénico durante semanas ou que estas instalacións deportivas municipais non conten nin tan sequera cunha caixa de primeiros auxilios

Diante destas eivas, o candidato do BNG reiterou a esixencia ao goberno de Abel Caballero de que “poña fin a este abandono deliberado” e “acabe con esta política de castigo” contra as e os deportistas da cidade. “Que dea cumprimento ao mandato plenario que, por iniciativa do Bloque, urxiu a resolver esta situación ruinosa”, remachou.
 

O BNG de Vigo denuncia o agravamento do “abandono deliberado” das pistas de atletismo