O BNG chama en Vigo a mercar no comercio local e a consumir produtos galegos
A fronte nacionalista realizou un reparto informativo no Calvario para presentar na cidade a campaña “Mellor local, mellor galego”
Xabier P. Igrexas: “O pequeno e mediano comercio é o que dinamiza a cidade, o que vertebra os nosos barrios e crea emprego estábel”
A deputada, Carmela González, chama a actuar diante da “desertización comercial” que provocou o feche de 8.500 estabelecementos nos útimos trece anos en Galiza
O concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, e mais a deputada e portavoz de Comercio do BNG no Parlamento galego, Carmela González, xunto a responsábeis e militancia da fronte nacionalista realizaron esta mañá un reparto informativo na peonil do Calvario para, deseguido, presentar a campaña na tenda Banda Deseñada, instalada na rúa Portela.
Igrexas salientou que “o pequeno e mediano comercio é o que dinamiza a cidade, o que vertebra os nosos barrios e crea emprego estábel”, defendéndoo como un “sector estratéxico” para o desenvolvemento da cidade.
“O Goberno municipal de Abel Caballero insiste en maltratar o comercio de proximidade mentres patrocina grandes superficies”, reprochou Igrexas.
O candidato nacionalista criticou que “o comercio de Vigo sexa o único das sete grandes cidades galegas que non recibiu nin un só euro de axuda directa do Concello”, malia ter que sufrir as consecuencias derivadas primeiro da pandemia e agora da crise inflacionista. Nese mesmo sentido, lamentou que “nada se sabe” do proxecto cacarexado do “Amazon vigués”, unha plataforma dixital para a venda en liña do comercio da cidade, que foi anunciada por Abel Caballero en abril de 2020.
“A única decisión que tomou o Goberno de Abel Caballero foi rexeitar a proposta do BNG de poñer en marcha un bono consumo a nivel municipal, dotado con 3,5 millóns de euros, para axudar as familias de menores recursos e ao tempo promover o consumo no comercio local”, afeou Igrexas, que esta mesma semana volveu reclamar a convocatoria da Mesa Local do Comercio para elaborar, con todas as asociacións e federacións de comerciantes da cidade, un plan de apoio e promoción por parte do Concello de Vigo.
Alternativas do BNG
Pola súa banda, a deputada Carmela González, puxo en valor a peonalización do Calvario, impulsada por unha alcaldía do BNG, como exemplo de dinamización comercial que “dá vida ás nosas rúas” en contraste coa masificación de grandes áreas comerciais que provocan o feche de “centos de estabelecementos do comercio de proximidade”.
González denunciou a crecente “desertización comercial” que se traduce no feito de que nos últimos 13 anos se fecharan 8500 comercios en Galiza e na redución en 10 millóns de euros do orzamento da Xunta para a promoción do comercio.
Fronte esta situación, a deputada nacionalista reivindicou que o BNG si ten alternativas para dinamizar e revitalizar o pequeno e mediano comercio. Entre elas destacou a demanda dunha nova Lei galego de Comercio, a fixación dunha moratoria que impida a instalación de novos centros comerciais, ou o despregamento dun Plan integral de promoción de comercio de proximidade para o que o Bloque demandaba unha dotación de 19,5 millóns de euros nos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano, pero que vén de ser rexeitado polo Partido Popular.