O BNG esixe a retirada de toda a simboloxía fascista en Vigo diante da “impostura” do Goberno de Caballero
A fronte nacionalista considera “necesaria pero insuficiente” a homenaxe institucional aos alcaldes, deputados e sindicalistas asasinados en 1936 e pide crear unha comisión para avanzar na eliminación dos vestixios da ditadura que perduran nas rúas da cidade
Xabier P. Igrexas: “É momento de que o Concello retome un compromiso real coa memoria histórica, retirando símbolos como a cruz fascista do Castro que ofenden a todas e todos os demócratas da cidade”
O Bloque Nacionalista Galego esixe a retirada de toda a simboloxía fascista das rúas de Vigo e denuncia a “impostura e cinismo” do Goberno de Abel Caballero coa memoria histórica. Así o afirmou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, após celebrarse este pasado domingo o acto institucional do Concello de homenaxe aos alcaldes de Vigo e Lavadores, canda outros deputados e sindicalistas, asasinados en 1936 nos muros do cemiterio de Pereiró.
“Un recoñecemento necesario mais insuficiente”, subliñou Igrexas, que afeou que 87 anos despois permanezan na cidade monumentos e símbolos erixidos polos responsábeis dos fusilamentos de Emilio Martínez Garrido, José Antela Conde e de “tantos e tantas demócratas de Vigo que defenderon mesmo coa súa vida a lexitimidade democrática fronte ao horror do nacionalcatolicismo".
Nese sentido, o portavoz nacionalista propuxo a creación dunha comisión municipal para avanzar na retirada efectiva de todos os símbolos e vestixios da “fatídica e infame” ditadura franquista, nomeadamente da cruz fascista do Castro, que “ofenden a todas e todos os demócratas da cidade”.
“Dende o BNG non queremos que en Vigo quede o máis mínimo rastro desa etapa de terror, sangue e represión”, asegurou Igrexas.
“É momento de que o Concello de Vigo retome un compromiso real para a recuperación efectiva da memoria histórica e democrática”, reclamou.
Na mesma liña, o voceiro do Bloque considerou necesario poñer en valor e dignificar os lugares da memoria na cidade. “Hai que lembrar a quen matou o fascismo, por que mataron e a que entregaron a súa vida os moitos heroes e heroínas que defenderon coa súa vida as liberdades democráticas que hoxe seguimos a reivindicar plenamente”, remachou.