O BNG de Vigo chama a Concello e Xunta a esixir que a nova concesión portuaria do antigo Vulcano garanta a continuidade do estaleiro
O Bloque Nacionalista Galego instou expresamente a Concello de Vigo e Xunta de Galiza a actuaren de maneira “firme” para esixir que a nova concesión portuaria sobre o antigo estaleiro Vulcano estea condicionada a asegurar, “si ou si”, que se dedique a un proxecto industrial de construción ou reparación naval. Demandan tamén á Autoridade Portuaria que “facilite e axilice” o outorgamento dunha autorización provisional a favor do Estaleiro San Enrique, no caso de que Marina Meridional decida solicitala.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, volveu demandar un compromiso claro coa continuidade da actividade naval no antigo Vulcano na perspectiva de que este mes de xuño o Consello de Administración da Autoridade Portuaria extinga de maneira definitiva a súa actual concesión. Neste sentido, Igrexas reclamou que a Autoridade Portuaria aporte “certeza e garantías” no caso de Marina Meridional solicite unha autorización provisional para o agora denominado estaleiro San Enrique poida seguir funcionando en Teis e captar novos pedidos.
O portavoz municipal nacionalista reitera a necesidade de que es condicione a nova concesión a favor da actividade naval. “Para o BNG é irrenunciábel e estratéxico para o futuro industrial da cidade e para blindar o sector naval, que no novo prego que vai rexer a nova concesión portuaria se condicione, si ou si, a utilización desa parcela para un proxecto industrial dedicado á construción e a reparación naval”, afirmou.
Desde o Bloque apuntan que o propio Goberno español, en resposta a unha iniciativa do deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, recoñecía que a decisión sobre a que actividade se vai dedicar esa concesión correspóndelle á Autoridade Portuaria de Vigo. Por iso, Igrexas chamou ao Goberno municipal de Vigo e, especialmente, á Xunta de Galiza a “exercer un papel institucional activa e firme para esixir á Autoridade Portuaria que as gradas centenarias do antigo Vulcano van continuar construíndo e reparando barcos” poñendo fin ao seu actual “silencio cómplice cunha operación escura” que pretende facer desaparecer o estaleiro para convertelo nunha extensión da terminal de contedores.