O BNG demanda unha Estratexia Local de Sustentabilidade para avanzar cara a un “Vigo máis verde”
A fronte nacionalista chama a avanzar nunha mobilidade alternativa, a revisar o sistema de xestión de resíduos, a alargar a protección ambiental do Lagares e dos montes, a reconciliar a cidade coa faixa litoral e a poñer en valor o papel indispensábel do arborado urbano.
No día mundial do medio ambiente, o Bloque Nacionalista Galego demandou a posta en marcha dunha Estratexia Local de Sustentabilidade polo Concello de Vigo. O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu a necesidade desa Estratexia como “un verdadeiro programa de acción que dea resposta efectiva á declaración de emerxencia climática na cidade”, acordada por unanimidade do Pleno a inicios deste mandato.
Igrexas demandou unha elaboración participativa que conte cos movementos sociais e os colectivos ecoloxistas, para artellar un esforzo común co obxectivo de avanzar en sustentabilidade con rumo a “un Vigo máis verde” como defende, segundo o edil, “una amplísima maioría das viguesa e vigueses”.
A Estratexia Local de Sustentabilidade demandada pola fronte nacionalista debera responder aos reptos ambientais que ten Vigo. Entre eles, Igrexas, aludiu á necesidade estratéxica de apostar nunha mobilidade alternativa, reducindo a presenza e uso de vehículos privados, para o que é “fundamental” mellorar substancialmente o transporte público.
O portavoz municipal nacionalista chamou tamén a revisar o sistema de xestión de resíduos sólidos urbanos coa intención de volver colocar Vigo á cabeza da sustentabilidade. Desde o Bloque propoñen alargar a protección ambiental do río Lagares, como “pulmón azul” da cidade, e tamén dos montes da cidade, destinando máis recursos á súa conservación e dinamización.
Igrexas volveu insistir na necesidade de “reconciliar a cidade coa súa faixa litoral”, afirmando un rotundo non a calquera proxecto de novo recheo na ría e recuperando o areal de Samil.
Por derradeiro, o BNG avoga por poñer en valor a importancia do arborado urbano. “Hai que entender que as árbores nas nosas rúas e espazos públicos son moito máis que ornamento. Son indispensábeis para este pequeno recuncho de ecosistema que chamamos cidade”, enfatizou, instando o Goberno municipal a cesar na súa política de “constante arboricidio”.