O BNG de Vigo promove un Pleno extraordinario para esclarecer o “escándalo” do concerto de Guns N’ Roses
A fronte nacionalista suma o apoio do PP para convocar esta sesión na que reclamarán explicacións polas “evidentes sospeitas e indicios de graves irregularidades” que envolven a actuación e o frustrado patrocinio publicitario por parte do Goberno municipal
Entre as propostas de acordo, solicitarán a reprobación do alcalde pola “falla de transparencia e reiteradas falsidades”, crear unha Comisión Especial de Investigación e a comparecencia da concelleira de Contratación
Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero ten que deixar de esconderse e aclarar por que intentou financiar de maneira irregular con case 2 millóns de euros este concerto”
O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar este xoves a solicitude dun Pleno extraordinario para esclarecer o “escándalo” do concerto de Guns N’ Roses en Vigo. A fronte nacionalista suma o apoio do PP -necesario en base ao Regulamento Orgánico- para convocar esta sesión na que reclamarán explicacións polas “evidentes sospeitas e indicios de graves irregularidades” que envolven a actuación do pasado 12 de xuño e o frustrado patrocinio publicitario por parte do Goberno municipal.
Así o anunciou en rolda de prensa o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que detallou as propostas de acordo elaboradas polas nacionalistas que serán sometidas a debate, e ás que se sumou integramente o grupo municipal dos populares: solicitar a reprobación do alcalde pola “falla de transparencia e reiteradas falsidades”, crear unha Comisión Especial de Investigación e a comparecencia da concelleira de Contratación sobre as xestións realizadas polo Goberno local, en particular, para a licitación do patrocinio.
“Abel Caballero ten que deixar de esconderse, ten que dar a cara e aclarar por que intentou financiar este concerto de maneira irregular con case 2 millóns de euros das viguesas e vigueses”, reclamou o voceiro nacionalista, que demandou nese sentido a presenza do rexedor nesta sesión diante das súas “habituais ausencias” e a súa “tendencia a fuxir”, como demostra a negativa das últimas semanas a comparecer ante os medios de comunicación. Un Pleno extraordinario que, en base aos prazos legais, terá que sen convocado nos vindeiros 4 días e celebrarse nun prazo máximo de 15 días hábiles desde este xoves.
Igrexas reprochou as “continuas mentiras” do Goberno municipal sobre este concerto, por boca do seu portavoz Carlos López Font “ao ditado” do propio Caballero, así como o comportamento “inaceptábel en termos democráticos” do alcalde cando foi interpelado pola prensa local. “Falsidades” en resposta ás revelacións realizadas polo BNG, após acreditar a existencia dun acordo previo coa promotora en forma de carta de interese, en contra do criterio da Asesoría Xurídica do Concello, e o posterior “intento de dar aparencia de legalidade” a este compromiso mediante un concurso público para o patrocinio do concerto. Nesa liña, esixiu tamén que se aclare se o alcalde mantivo unha reunión privada con responsábeis da promotora de Guns N’ Roses, como se publicou nas últimas semanas.
“Flagrantes indicios de graves irregularidades”
O portavoz do BNG de Vigo enumerou a cronoloxía deste “escándalo”, que se iniciou co anuncio público por parte do alcalde deste concerto, malia non estar organizado polo Concello e figurar o logotipo oficial da institución na publicidade do mesmo. Posteriormente, o Goberno local iniciou unha licitación pública o 25 de abril para o patrocinio publicitario dun concerto internacional de case 2 millóns de euros cuns pregos “a medida” da banda estadounidense. Cuestión que, a xuízo das nacionalistas, supoñen “flagrantes indicios de graves irregularidades
Un concurso público que se produciu seis meses despois de que o Goberno local remitise unha carta de interese a Sweet Nocturna, promotora do concerto, na que comprometía tando a cesión gratuíta do estadio de Balaídos como unha achega económica polo mesmo importe que o da licitación. Carta de interese que, segundo consta na documentación, se emitiu sen o “preceptivo” expediente municipal e contra o criterio da Asesoría Xurídica do Concello, que advertiu nas consultas informais realizadas que podía ser interpretada como un precontrato.
A licitación pública foi finalmente declarada deserta, poñendo en risco o concerto a poucos días da súa celebración, o que derivou nunha denuncia pública da promotora polo incumprimento do acordo previo. Desde ese momento, critican as nacionalistas, o Goberno municipal “tentou por todos os medios atrasar, cando non impedir” o acceso dos grupos políticos da oposición á documentación sobre o caso, o que motivou a apertura dun expediente por parte da Valedora do Pobo.
De igual forma, afean que o alcalde se negase reiteradamente, tanto a preguntas da oposición como da prensa, a dar ningún tipo de explicación, mesmo “incorrendo en comportamentos contrarios á liberdade de prensa”, que mereceron o reproche formal por parte do Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza.