O BNG de Vigo pide a comparecencia da concelleira e do xefe de servizo de Seguridade para aclarar o tráxico accidente nas festas de Matamá

Xabier P. Igrexas, Ana Martínez e Filipe Abalde no Pleno de Vigo
Xabier P. Igrexas, Ana Martínez e Filipe Abalde no Pleno de Vigo

A fronte nacionalista solicita formalmente ao alcalde a convocatoria extraordinaria e urxente da Comisión Informativa de Seguridade

Xabier P. Igrexas: “Algo tan grave como o sucedido nas festas de Matamá non se pode despachar con comunicados enlatados, sen atender preguntas nin dos medios de comunicación, e sen dar explicacións

O BNG de Vigo pide a comparecencia da concelleira e do xefe de servizo de Seguridade para aclarar o tráxico accidente nas festas de Matamá

O Bloque Nacionalista Galego rexistrou este martes unha solicitude formal dirixida ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, para que se proceda á convocatoria extraordinaria e urxente da Comisión Informativa de Seguridade para aclarar o tráxico accidente sucedido o pasado sábado nunha atracción das festas de Matamá.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, demanda nese escrito a comparecencia tanto da concelleira-delegada de Seguridade, Patricia Rodríguez, como do seu xefe de servizo, Antonio Vivero, para dar todas as explicacións en detalle sobre o sucedido en relación a este accidente, esclarecer a actuación dos servizos municipais con carácter previo e tamén na intervención no accidente e someterse ás preguntas e interpelacións dos grupos da oposición.

Igrexas lamentou que a resposta do Goberno municipal de Abel Caballero en relación ao grave accidente nunha atracción de feira instalada nas festas de Matamá o pasado sábado, que se saldou coa morte dun veciño de 36 anos de idade, foi até o momento a opacidade e o silencio.

Máis preguntas

Un silencio que só foi interrompido na tarde de onte por un comunicado que, segundo sinalou, “en lugar de achegar respostas o único que xerou foi novas e inda máis preocupantes preguntas”.

Case 72 horas despois do suceso o Goberno local afirmou nese comunicado que a atracción accidentada non contaba con autorización municipal. “Pero o que non explicaron aínda é como é posíbel que se emita unha notificación, comunicando a falla de permiso, o xoves ás dez da noite, dous días despois de que a festa xa se iniciara e cando as atraccións estaban en funcionamento”, reprochou Igrexas. Tampouco se confirma se esa notificación foi recepcionada, co seu preceptivo acuse de recibo, por parte da organización do evento.

“E a pregunta máis importante, a que se fan todos os vigueses e viguesas e especialmente a veciñanza de Matamá e á que o Goberno de Caballero non deu resposta é: se o ‘Saltamontes’ non contaba con autorización, por que non se lle ordenou á Policía Local que a precintase?”, interpelou o portavoz municipal nacionalista.

Transparencia

Para Igrexas “é evidente que o único que perseguía o Goberno municipal co seu comunicado de onte era evitar asumir ningunha responsabilidade sobre o sucedido e dirixir as culpas á Comisión de Festas”.

Por iso, diante da “opacidade e do comportamento irresponsábel” dos responsábeis municipais, a fronte nacionalista vén de solicitar formalmente ao alcalde a convocatoria extraordinaria e urxente da Comisión Informativa de Seguridade. “Se o Goberno municipal non ten nada que ocultar agardamos que esa convocatoria se produza nas próximas horas. Non facelo sería algo tan incomprensíbel como inaceptábel”, advirten.

“Cremos que algo tan grave como o sucedido nas festas de Matamá non se pode despachar con comunicados enlatados, sen atender preguntas nin dos medios de comunicación, e sen dar explicacións”, remacha Igrexas.

O BNG de Vigo pide a comparecencia da concelleira e do xefe de servizo de Seguridade para aclarar o tráxico accidente nas festas de Matamá