O BNG de Vigo pide información detallada sobre o accidente mortal nunha atracción en Matamá
A fronte nacionalista demanda ter acceso a toda a documentación que permitiu autorización municipal para a súa instalación, ao plan de autoprotección do evento e aos informes das intervencións da Policía Local e o servizo de bombeiros
Consideran “irresponsábel ou neglixente” o silencio do Goberno municipal diante dun suceso tan grave
Xabier P. Igrexas: “Esta desgraza evidenciou o grave perigo que supón ter fechado por falla de persoal o parque de bombeiros de Coruxo xa que retrasou 10 minutos a chegada dos efectivos ao lugar”
Desde o Bloque Nacionalista Galego veñen de solicitar formalmente ao Goberno municipal de Vigo ter acceso a información detallada sobre o accidente nunha atracción de feira en Matamá, que na madrugada do pasado sábado se saldou coa morte dun veciño de 36 anos.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, rexistrou un escrito ao amparo do artigo 9 do Regulamento Orgánico do Pleno para que o goberno local lle traslade todos os “datos, informacións e documentación” en relación aos permisos administrativos que permitiron a instalación da atracción accidentada e toda a documentación acreditativa da mesma e tamén coñecer resultado das avaliacións ou inspeccións municipais que se tivesen realizado na atracción.
Ademais, solicitan coñecer o plan de autoprotección do evento e a avaliación que da súa execución fixeron os servizos municipais e demanda que se informe sobre o protocolo municipal que se aplica para a supervisión das atraccións mecánicas que se instalan nas festas e outros eventos da cidade.
“Dous días despois do tráxico accidente o Goberno municipal de Abel Caballero inda non deu ningunha explicación, un silencio que non sabemos se é irresponsábel ou neglixente”, reprochou Igrexas.
Seguridade
O portavoz municipal nacionalista tamén esixe ter acceso aos informes das intervencións da Policía Local e do servizo de bombeiros. No concreto, quere coñecer o número e tipoloxía dos efectivos mobilizados, desde que lugar partiron as unidades desprazadas e, especialmente, a que hora se recibiu o aviso de emerxencia e a que hora chegaron os equipos de intervención ao lugar do accidente.
“Polo que ten transcendido os bombeiros tiveron que desprazarse desde o parque de Teis o que atrasou 10 minutos a súa chegada para facerse cargo da emerxencia o que leva a preguntarse que tería pasado se a atracción chega a incendiarse”, alertou.
Para o edil nacionalista esta desgraza “evidenciou o grave perigo que supón ter fechado por falla de persoal o parque de bombeiros de Coruxo, que é o que lle correspondía mobilizarse por zona”.
Ao marxe da intervención concreta neste accidente, Igrexas advirte a ao alcalde, Abel Caballero, de que “non se pode seguir xogando á ruleta rusa coa seguridade da cidade”.