O BNG de Vigo critica o voto negativo no Pleno de PSOE e PP a actuar de forma urxente contra a suba dos prezos
Xabier P. Igrexas: “O BNG temos que afirmar que si hai alternativa, políticas posíbeis que só esixen de vontade política para asegurar que esta agudización da crise non se convirta nun novo saqueo contra a maioría social”.
O Bloque Nacionalista Galego critica o voto negativo de PSOE e PP á moción presentada pola fronte nacionalista no Pleno municipal de Vigo, celebrado este mércores, para reclamar actuacións urxentes contra a suba dos prezos por parte do Goberno español e da Xunta. Desde o BNG lamentan que ambas formacións rexeitaran posicionarse a favor de medidas fronte o “brutal e acelerado empobrecemento” das clases traballadoras e do “estrangulamento insoportábel” que padece o tecido comercial e produtivo da cidade.
“A realidade material que vivimos as persoas do común é que cando en outubro recibíamos a factura da luz era de 54 euros e este mes de 86, que cando imos a compra asistimos a como produtos alimentarios básicos incrementaron nas últimas semanas os seus prezos por volta de máis dun 30%, a como os prezos da vivenda seguen disparados privando a moita xente dun dereito esencial a ter un teito e habitar a propia cidade, a que o pequeno comercio da cidade teña que soportar o aumento dos custos e a baixada das vendas nunha tormenta perfecta que vai provocar, se non o evitamos, máis persianas baixadas”, denunciou durante a sesión plenaria o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Fronte a esta situación de emerxencia social, derivada da escalada disparada da inflación, o BNG propuxo 10 liñas de actuación “concretas e posíbeis” para protexer o pobo e o emprego. “O BNG temos que afirmar que si hai alternativa, políticas posíbeis que só esixen de vontade política para asegurar que esta agudización da crise non se convirta nun novo saqueo contra a maioría social”, subliñou o edil nacionalista.
Igrexas cargou contra o “telepresidente” da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, ao que acusou de ter ao Goberno galego “conxelado á espera da súa entronización como líder do Partido Popular en España”. No mesmo sentido, tachou de insuficientes as accións tomadas até o momento polo Goberno español. “O autodenominado goberno máis progresista da historia non é quen de poñer en marcha medidas efectivas para alén de grandes titulares, mentres nos di que hai que aumentar o gasto militar para contentar a bota de Washington e da OTAN”.
Nas medidas recollidas na moción, a fronte nacionalista demandaba unha fiscalidade máis xusta e unha enérxica e decidida intervención pública para frear a escalada da inflación. Entre elas, destacaba a solicitude de controlar os prezos da enerxía, unha baixada do IVE dos produtos e servizos básicos, o aumento das pensións e dos salarios máis baixos, a redución das peaxes e dos impostos de hidrocarburos, a protección dos sectores agro-gandeiro e marítimo-pesqueiro, a intervención no mercado da vivenda para facilitar o acceso social, a revisión á alza das bolsas para estudantes e o incremento das axudas sociais como o Ingreso Mínimo Vital e tamén das partidas contra violencia machista e para familias monoparentais.
Infame uso da guerra na Ucraína
Outro dos asuntos que se abordaron no Pleno municipal deste mércores foi a aprobación dunha declaración institucional contra a guerra na Ucraína. Desde a fronte nacionalista reiteraron o uso “infame e partidista” que tanto PSOE como PP fan dun tema tan grave, querendo impoñer o mesmo texto que non contou co respaldo do Parlamento de Galiza.
O BNG ofreceu a posibilidade de consensuar unha declaración en busca da unanimidade, mais ambos grupos rexeitaron o convite. Antes desbotaran tamén a proposta de declaración rexistrada o pasado 17 de marzo polas nacionalistas cun texto similar ao aprobado polo propio PSOE (de forma conxunta co BNG) no Concello de Pontevedra e tamén en varias deputacións e concellos.
“O Bloque non imos aceptar leccións dos partidos da OTAN, que apoiaron intervencións militares como as de Iugoslavia e Iraq, nin que se utilice esta guerra inxusta como escusa para atacar de maneira cínica ao BNG, que polos nosos principios pacifistas, antimilitaristas e antiimperialistas non podemos subscribir algo así”, valorou o concelleiro nacionalista en Vigo.