O BNG de Vigo pedirá no Pleno que o Goberno español e a Xunta actúen xa contra a escalada da inflación

Xabier P. Igrexas, concelleiro e candidato do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas en rolda de prensa

A fronte nacionalista presentará unha moción con dez medidas “concretas, posíbeis e verificábeis” para protexer o pobo e o emprego da suba disparada dos prezos fronte a inacción demostrada por ambos gobernos.

Xabier P. Igrexas: “Diante dos gravísimos efectos que a nivel social está a ter a escalada da inflación, desde o BNG expresamos con rotundidade que si hai alternativa e que esta pasa por unha enérxica e decidida intervención pública”.

Desde o Bloque lamentan que PSOE e PP utilicen de forma “infame” a guerra na Ucraína impoñendo no Concello de Vigo a mesma declaración institucional que non prosperou no Parlamento galego, mentres rexeitan a proposta nacionalista aprobada en varias deputacións e concellos.

O BNG de Vigo pedirá no Pleno que o Goberno español e a Xunta actúen xa contra a escalada da inflación

O Bloque Nacionalista Galego pedirá no próximo Pleno municipal de Vigo o apoio da Corporación local para esixir unha actuación urxente do Goberno español e da Xunta de Galiza contra a escalada da inflación. A fronte nacionalista presentará unha moción na próxima sesión plenaria, prevista para este mércores 30 de marzo, que contén dez medidas “concretas, posíbeis e verificábeis” para protexer o pobo e o emprego da suba disparada dos prezos fronte a inacción demostrada por ambos gobernos.

“Mentres as familias traballadoras e a base produtiva e comercial da nosa cidade están tendo serias dificultades, o telepresidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, ten ao Goberno galego conxelado á espera da súa entronización como líder do Partido Popular en España”, criticou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que tamén afeou ao Goberno español de PSOE e Unidas Podemos “non ter despregado inda ningunha medida efectiva que evite que a inflación continúe a engulir os salarios”.

Igrexas denunciou que neste contexto —onde os prezos dos produtos e servizos básicos continúan subindo a diario, con cada vez máis traballadoras e traballadores con problemas para chegar a fin de mes — o “autodenominado Goberno Máis Progresista” decidira incrementar o gasto militar. “Como se as familias fosen comer tanques, fusís ou avións de combate!”, ironizou.

Porén, o edil nacionalista chamou a non resignarse diante do agravamento da emerxencia social.

“Desde o BNG expresamos con rotundidade que si hai alternativa. Que existen medidas concretas, posíbeis e verificábeis para protexer o pobo e o emprego e evitar que se siga a multiplicar a pobreza. Propomos dez liñas de actuación perfectamente factíbeis por parte do Goberno español e da Xunta no exercicio das súas competencias, e que só esixen vontade política para levalas a termo”, subliña o edil do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.

Nas medidas recollidas na moción, a fronte nacionalista demanda unha fiscalidade máis xusta e unha enérxica e decidida intervención pública para frear a escalada da inflación.  Entre elas, destaca a solicitude de controlar os prezos da enerxía, unha baixada do IVE dos produtos e servizos básicos, o aumento das pensións e dos salarios máis baixos, a redución das peaxes e dos impostos de hidrocarburos, a protección dos sectores agro-gandeiro e marítimo-pesqueiro, a intervención no mercado da vivenda para facilitar o acceso social, a revisión á alza das bolsas para estudantes e o incremento das axudas sociais como o Ingreso Mínimo Vital e tamén das partidas contra violencia machista e para familias monoparentais.

As propostas fan parte da campaña nacional Os prezos soben, os teus cartos baixan: Fagámonos valer iniciada polo BNG contra a destrución das condicións da vida. Unha ofensiva institucional e social á que se sumará unha manifestación en Santiago de Compostela este domingo 3 de abril, ás 12hs na Praza Oito de marzo.

Infame utilización da guerra na Ucraína

No próximo Pleno municipal de Vigo, abordarase unha declaración institucional contra a guerra na Ucraína. Desde o BNG lamentan a “infame e miserábel utilización” por parte do PSOE e do PP por querer impoñer o mesmo texto que non prosperou no Parlamento de Galiza. “Queren reproducir en Vigo a mesma pinza indecente que intentaron hai uns días”, valorou o concelleiro nacionalista na cidade.

Igrexas criticou que ambas forzas políticas rexeitaran a proposta de declaración institucional rexistrada pola fronte nacionalista o pasado 17 de marzo, que contaba co apoio da Marea de Vigo. Unha proposta que era similar á formulada polo propio PSOE de forma conxunta co BNG no Concello de Pontevedra e tamén en varias declaracións aprobadas por deputacións e concellos.

“É intolerábel que o alcalde de Vigo utilice, coa complicidade do PP de Marta Fernández Tapias, algo tan grave o como drama que se está a vivir na Ucraína para o xogo partidista”, salientou o edil do Bloque. “Impoñen un texto no que o sufrimento do pobo ucraíno é só a escusa para aplaudir e lexitimar a actuación militarista da OTAN, da Unión Europea e do Goberno español, e de paso atacar de maneira cínica ao BNG, que polos nosos principios pacifistas, antimilitaristas e antiimperialistas non podemos subscribir algo así”, engadiu.
 

Por estes motivos, desde o BNG esixen unha rectificación de Abel Caballero para apostar por unha declaración de consenso como a formulada polas nacionalistas, na que se recolle expresamente a condena á invasión rusa, a esixencia da retirada das tropas e o inmediato cesar o fogo, o retorno á vía diplomática no seo da ONU e da OSCE, a total solidariedade co pobo ucraíno e a disposición á axuda humanitaria das refuxiadas. 
O BNG de Vigo pedirá no Pleno que o Goberno español e a Xunta actúen xa contra a escalada da inflación