O BNG de Vigo defenderá no Pleno unha moción en apoio da ILP para salvar e fortalecer a Atención Primaria
A fronte nacionalista traslada a proposta da plataforma SOS Sanidade Pública e chama a participar na manifestación nacional convocada o vindeiro 12 de febreiro en Santiago
Urxen unha rectificación total das políticas sanitarias da Xunta, elevando o gasto da Atención Primaria até o 25% do total, repoñendo os postos de traballo recortados, convocando novas prazas para centros de saúde e PAC e rebaixando as listas de espera
Xabier P. Igrexas: “O BNG queremos que o Concello de Vigo exprese o mesmo clamor que a cidade manifestou con masivas mobilizacións en contra das políticas sanitarias do PP”
O Bloque Nacionalista Galego defenderá no Pleno municipal de Vigo deste mércores unha moción en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) e da manifestación nacional convocada o vindeiro 12 de febreiro pola plataforma SOS Sanidade Pública. A fronte nacionalista reitera así a necesidade dunha rectificación total das políticas da Xunta de Galiza que teñen nunha situación “límite” o sistema sanitario público.
“É evidente o deterioro da Atención Primaria provocado polas políticas de recorte e privatizacións impostas polo Goberno galego do PP”, subliñou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que denunciou as longas demoras para conseguir unha cita médica na cidade, a masificación dos centros de saúde e do Punto de Atención Continuada (PAC) pola falla de persoal, ademais das condicións de “inestabilidade e brutal precariedade laboral” das traballadoras e traballadores do Sergas.
O edil nacionalista asegurou que esta situación, con “consecuencias claras na saúde” das persoas, ten “causas e responsábeis concretos”. Tal e como recolle a proposta da plataforma SOS Sanidade Pública, Galiza é a terceira comunidade do Estado con menor financiamento da Atención Primaria, con apenas un 14% do gasto sanitario total, menos orzamento do que había no ano 2009. Nese sentido, defendeu incrementar estas partidas até o 25%, tal e como recomenda a propia Organización Mundial da Saúde (OMS).
Recuperar o persoal recortado
Desde o BNG coinciden tamén na urxencia de recuperar todos os postos de traballo recortados nos últimos anos, a convocatoria de novas prazas en todas as categorías de persoal dos centros de saúde e do PAC, así como garantir a utilización plena dos servizos hospitalarios para acabar dunha vez coas “inasumíbeis e inaceptábeis” listas de espera.
Plan de choque na Atención Primaria
Igrexas lembrou que o Bloque leva moitos anos trasladando propostas tanto no Concello de Vigo como no Parlamento de Galiza –a través da súa portavoz nacional, Ana Pontón– para a posta en marcha dun novo modelo de saúde comunitaria e dun plan de choque de como mínimo 200 millóns de euros para “desatascar o colapso” e garantir unha Atención Primaria de “calidade, áxil, presencial e con todas as prestacións”.
Dous novos PAC en Vigo
A nivel municipal, o candidato nacionalista insistiu na necesidade de dotar a Vigo de dous novos PAC, nos barrios de Coia-Navia e Teis, diante da saturación que rexistra o actual en Pizarro. Tamén reclamou ampliar a carteira de servizos e profesionais, coa incorporación de novas especialidades, en particular de psicoloxía clínica, que representa hoxe o 40% das consultas nos centros de saúde.
“O BNG queremos que o Concello de Vigo volva expresar con contundencia o mesmo clamor que a cidade manifestou con masivas mobilizacións en contra das políticas sanitarias do PP e do ataque brutal que a Xunta aplica en contra da Atención Primaria”, remachou Igrexas, que chamou a todas as viguesas e vigueses a sumarse á ILP de SOS Sanidade Pública e á manifestación nacional convocada para este vindeiro 12 de febreiro, ás 12 horas desde a Alameda de Santiago de Compostela.