CORONAVIRUS
O BNG de Vigo demanda un Plan de Continxencia Municipal para enfrontar a segunda onda do coronavirus
Xabier P. Igrexas: “Agora xa temos datos, experiencia e sabemos o rápido que se pode complicar a situación. Aprendamos a lección da primeira vaga de contaxios e actuemos con dilixencia, rapidez e contundencia”.
Demandan reforzar todos os medios preventivos e preparar o despregamento de dispositivos e programas extraordinarios a nivel social para protexer a poboación máis vulnerábel.
Critican a “absoluta ausencia e incomparecencia” da Xunta de Galiza e esixen que o Goberno galego esixa as súas competencias.
O Bloque Nacionalista Galego demandou ao Goberno municipal de Vigo a posta en marcha dun Plan de Continxencia Municipal co que enfrontar a segunda onda do coronavirus. Así llelo vén de trasladar o portavoz municipal do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, ao alcalde a través dun escrito, no que insta a reforzar todos os medios preventivos, así como a preparar o despregamento de dispositivos e programas extraordinarios a nivel social para protexer os colectivos máis vulnerábeis.
Igrexas advertiu de que os indicadores sanitarios apuntan que xa se está ás portas da segunda onda da Covid19, e que a evolución das últimas semanas –atinxindo xa preto de 140 positivos na área sanitaria de Vigo– deben provocar unha resposta enérxica por parte de todas as administracións. “Entre marzo e maio actuouse con improvisación e falta de planificación, en grande medida porque non se esperaba unha pandemia destas dimensións, pero agora xa temos datos, experiencia e sabemos o rápido que se pode complicar a situación. Aprendamos a lección da primeira vaga de contaxios”, reclamou o edil nacionalista.
Desde a fronte nacionalista enfatizan que é necesario actuar “con dilixencia, rapidez e contundencia” para salvagardar a saúde pública e a vida das persoas. Nese sentido, no Plan de Continxencia Municipal que demandan inclúen medidas como o reforzo dos mecanismos de prevención, a garantía de subministración de equipos de protección e o reforzamento dos servizos e programas de atención social a persoas vulnerábeis.
Instan tamén a que o Goberno municipal esixa ás empresas concesionarias municipais, nomeadamente as de servizos esenciais e sensíbeis como Servizo de Axuda no Fogar ou o transporte urbano, a que doten do material preventivo necesario o seu persoal. “Son empresas que prestan os seus servizos ao Concello, que reciben moitos millósn de euros de diñeiro público e ás que non se lles pode tolerar que non distribúan os EPI necesarios”, dixo facéndose eco das denuncias que apuntan a que Vitrasa só fai entrega dunha única máscara para toda a semana para o persoal condutor, ou menos dunha unidade por persoa usuaria no SAF a pesar de se tratar dun colectivo especialmente vulnerábel perante a Covid19.
O Bloque reiterou, por boca do seu concelleiro, a súa “plena disposición” para seguir a “colaborar e cooperar desde a máxima lealdade co Goberno municipal, como viñemos facendo desde o inicio da crise sanitaria, para robustecer a capacidade de resposta da cidade fronte a segunda onda da Covid19”
Críticas á Xunta
Igrexas subliñou a necesidade e importancia deste Plan de Continxencia Municipal perante a “absoluta ausencia e incomparecencia da Xunta de Galiza”. Nese sentido, criticou que o Goberno galego presidido por Alberto Núñez Feixóo teña renunciado a exercer as súas competencias e agora se limite a pedirlle ao Goberno español “que lle resolva a papeleta”.
“Esta crise sanitaria demostrou que centralizar a toma das decisións non só non axudou a resolver nada, senón que agravou os problemas. A Xunta non pode poñerse de perfil”, esixiu, lembrando que o BNG xa reclamou a nivel galego a través da súa portavoz nacional e líder da oposición, Ana Pontón, a declaración do estado de emerxencia sanitaria en toda Galiza.