O BNG de Vigo denuncia que a piscina das Travesas segue pechada malia o anuncio de reapertura en setembro
A fronte nacionalista esixe o Goberno local que explique os motivos da demora e informe cando abre a instalación deportiva, após un verán no que Vigo só contou cunha piscina municipal aberta
Filipe Abalde: “As persoas usuarias das Travesas atopáronse sen ningún aviso previo que a piscina segue pechada, sendo derivadas a Lavadores e Valadares onde hai saturación”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia que a piscina das Travesas segue pechada malia o anuncio da súa reapertura en setembro. A fronte nacionalista esixe o Goberno local que explique os motivos da demora e informe cando volve abrir a instalación deportiva, após un verán onde Vigo só contou cunha piscina municipal aberta.
“O Concello segue instalado na preguiza no referido á política deportiva”, valorou o concelleiro do BNG de Vigo, Filipe Abalde, acusando o Goberno de Caballero de incumprir novamente os prazos no mantemento das instalacións deportivas da cidade e afeando a falla de explicacións ás persoas afectadas, que se atoparon coa piscina pechada sen ningún aviso previo pese a información da súa reapertura en setembro.
Abalde alertou de que este atraso está a provocar a saturación das outras piscinas municipais en Lavadores e Valadares pola derivación das usuarias e usuarios. Unha situación que, lamentou, agrava o problema vivido en agosto onde a cidade só tivo unha piscina aberta e que se suma aos 829 días que leva pechada a piscina de Teis.
O edil nacionalista asegurou que o Concello anunciara o peche da piscina das Travesas durante xullo e agosto por obras de mantemento sen aclarar en que consistían. Por estes motivos, dende o BNG urxiron ao Goberno municipal que axilice os traballos e informe da data para a reapertura. “Demandamos que por unha vez o alcalde, Abel Caballero, cumpra algún prazo das súas promesas aos vigueses e viguesas”, remachou Abalde.