O BNG pide mellorar a planificación das obras nas rúas de Vigo para evitar os continuos atrasos e molestias
A fronte nacionalista considera que a “nula supervisión” do Goberno de Caballero provoca que obras en rúas como Val Miñor ou Teixugueiras leven meses “empantanadas”
Propón unha Comisión Municipal de Seguimento das Obras con participación veciñal e demanda información sobre as indemnizacións pola demora na execución dos traballos
O Bloque Nacionalista Galego pide mellorar a planificacións das obras nas rúas de Vigo para evitar os continuos atrasos e molestias que ocasionan. A fronte nacionalista considera que a “nula supervisión” por parte do Goberno de Abel Caballero provoca que obras como as das rúas Val Miñor ou Teixugueiras leven meses “empantanadas”, como xa ocorreu con anterioridade en ámbitos como Martínez Garrido.
“As obras de reforma nas rúas da cidade, que o alcalde presenta como humanizacións e teñen sido un dos grandes emblemas da súa xestión, na práctica se teñen convertido nun exemplo incontestábel do desgoberno e falla de xestión municipal”, valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, recollendo as numerosas e reiteradas queixas veciñais polos prexuízos causados por estas obras.
Igrexas lamentou nese sentido que o Goberno local continúe a facer “oídos xordos” diante destas queixas e tamén das propostas formuladas polo propio BNG para reverter esta situación, como a creación dunha Comisión Municipal de Seguimento das Obras con participación do movemento veciñal.
Indemnizacións polos atrasos
“Non pode ser que as obras colapsen a cidade”, defendeu o portavoz municipal nacionalista, chamando a poñer “racionalidade” na planificacións e garantir que as empresas aduxdicatarias cumpren estritamente os contratos e, sobre todo, os prazos. Nesa liña, o Bloque demandou este luns na Comisión Informativa de Fomento que se informe de maneira detallada das indemnizacións reclamadas a estas empresas polos atrasos na execución das obras.
Igrexas urxiu así a poñer por diante o benestar da veciñanza, o tránsito seguro de peóns e vehículos e a redución ao mínimo das molestias xeradas polas obras, en lugar do actual “modelo exhibicionista que só busca o maior número de primeiras pedras e de inauguracións”. Puxo como exemplo a evitar o caso da humanización da rúa Aŕagón, no que a renovación de apenas 1 quilómetro demorou 11 anos en seis fases.