O BNG esixe a Caballero que paralice o seu modelo de multas e abra un debate sobre as Zonas de Baixas Emisións en Vigo
A fronte nacionalista chama o Goberno local a rectificar a súa proposta de ZBE apostando por dar alternativas ao uso do coche en lugar de sancións e restricións por tipo de vehículo
Xabier P. Igrexas: “A proposta de Caballero discrimina as persoas polo lugar de residencia e pola renda porque non todo o mundo se pode permitir un vehículo eléctrico”
O Bloque Nacionalista Galego esixe paralizar a posta en marcha do modelo de multas e restricións de Abel Caballero para abrir un debate con participación sobre as Zonas de Baixas Emisións (ZBE) en Vigo. Diante do inicio das actuacións para a súa implantación, a fronte nacionalista chama o Goberno municipal a rectificar a súa proposta apostando por un sistema que facilite alternativas ao uso do coche privado en lugar de sancións e restricións de paso polo tipo de vehículo.
“A posición do BNG é ben clara: as ZBE non poden supoñer baixo ningún concepto que se castigue con multas á inmensa maioría social que non se pode permitir comprar un vehículo híbrido ou eléctrico”, manifestou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, acusando o Goberno de Caballero de querer aplicar “unha mala copia de Madrid Central” con catro perímetros que restrinxen o acceso aos coches de combustión.
Igrexas asegurou que este modelo “discrimina” as viguesas e vigueses polo seu lugar de residencia e pola súa renda, e cuestionou ademais un modelo de ZBE que xa se demostrou pouco efectivo á hora de reducir as emisións contaminantes. “O Goberno municipal está a tempo de rectificar e de aproveitar esta oportunidade para avanzar cara a unha cidade moito máis segura, máis habitábel e máis sustentábel”, afirmou.
Alternativa integral do BNG
Así, o portavoz municipal nacionalista defendeu a alternativa integral deseñada polo BNG facendo de todo Vigo unha Zona de Baixas Emisións “revolucionando a mobilidade e democratizando o espazo público”, na liña de modelos de éxito como o da cidade de Pontevedra, das recomendacións das principais persoas expertas en mobilidade e da Rede de Cidades que Camiñan.
Un modelo integral, explicou Igrexas, que ofreza alternativas ao uso do vehículo privado, reducindo o tráfico ao mínimo necesario, dando prioridade ao tránsito a pé, en bicicleta e vehículos de mobilidade persoal e, especialmente, cunha mellora significativa do servizo de autobús urbano. “Nunha cidade con 300 mil desprazamentos diarios, o reto non é que circulen menos coches de combustión senón ter posibilidades para usar menos o coche sexa do tipo que sexa”.
Opacidade do Goberno municipal
Dende o Bloque denunciaron nese sentido a “absoluta opacidade” coa que o Goberno municipal está a xestionar o proxecto de ZBE. “O único que coñecemos é un documento chapuceiro de apenas 42 páxinas, polo que se pagaron 6 mil euros, no que non se explica apenas nada nin se xustifican as medidas que se queren aplicar”, afeou Igrexas.
Denunciou así que a ordenanza reguladora das ZBE levan no “limbo” dende xaneiro de 2022, sen que o Goberno local teña informado “de nada” durante este tempo nin nas Comisións Informativas nin no Pleno. Lamentou tamén a negativa do alcalde a convocar os Consellos Sectoriais de Transporte, Medio Ambiente e Accesibilidade Local, como ten solicitado o BNG co “obxectivo de abrir un verdadeiro debate, con diálogo e coa participación dos colectivos sociais e da veciñanza”.
Aliás, acusou o alcalde de mentir cando di que non se vai multar por acceder aos catro perímetros, tendo en conta que se van destinar máis de 5 millóns de euros para a instalación de sistemas de vídeocontrol dos accesos. “Inda que Caballero o negue pretende sancionar os vehículos non autorizados, como se recolle na lei e na propia ordenanza tipo que elaborou a FEMP co rexedor como presidente”, remachou.