O BNG comprométese en Vigo a defender a pesca galega fronte ás “discriminacións” da Unión Europea

Xabier P Igrexas, Bieito Lobeira, Roberto Pascual e Carmela González no porto de Vigo
Xabier P Igrexas, Bieito Lobeira, Roberto Pascual e Carmela González no porto de Vigo

A fronte nacionalista reclama a declaración de Galiza como zona altamente dependente da pesca, a eliminación do veto para modernizar a frota e derrogar a exclusión en caladoiros en augas comunitarias

Bieito Lobeira: “O BNG temos alternativas para reverter o trato inxusto que recibe o noso sector pesqueiro e os noso mariñeiros por parte de Bruxelas”

Xabier P. Igrexas: “O futuro de Vigo e Galiza non pasa nin polo monocultivo do Xacobeo nin das luces de Nadal, senón por blindar actividades estratéxicas como a pesca”

O BNG comprométese en Vigo a defender a pesca galega fronte ás “discriminacións” da Unión Europea

O Bloque Nacionalista Galego comprométese a defender a pesca fronte ás “discriminacións” da Unión Europea con este sector estratéxico da economía galega. Así o manifestou este mércores en Vigo o candidato nacionalista ás eleccións europeas, Bieito Lobeira, trasladando as principais medidas do BNG nesta materia: a declaración de Galiza como zona altamente dependente da pesca, a eliminación do veto para modernizar e renovar a frota galega así como derrogar a exclusión de acceso a caladoiros comunitarios.
 

“A nosa frota conxeladora está reducida á mínima expresión, a frota do bacallao apenas pode traballar e a maior parte do tempo está atracada aquí no porto de Vigo, a nosa frota  está reducida no Gran Sol, e mesmo nas nosas propias augas temos limitadas as prácticas de arrastre litoral, cerco, vetas, miños ou marisqueo a flote”, denunciou Lobeira, acompañado do portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, a deputada no Parlamento galego, Carmela González, e o tamén candidato ás eleccións europeas, Roberto Pascual.

Lobeira asegurou que a papeleta do BNG é a única garantía para “reverter o trato inxusto” contra o sector pesqueiro e os mariñeiros galegos por parte de Bruxelas. Nese sentido, considerou chave que Galiza sexa recoñecida como zona altamente dependente da pesca. Unha medida que, subliñou, non é “simbólica” e permitiría á frota galega acceder a máis recursos e cotas de pesca fronte aos “continuos recortes impostos pola Unión Europea para favorecer intereses económicos, comerciais e políticos doutros estados”.

Aliás, o candidato nacionalista esixiu que se levante o veto para que Galiza poida poñer en marcha un plan de renovación e modernización da frota pesqueira. “Permitiría mellorar a habitabilidade das embarcacións pesqueiras e a seguranza da nosa frota, que hoxe está moi avellentada, e tamén asegurar carga de traballo no sector da construción e reparación naval de toda a ría de Vigo e de Galiza”, defendeu.  

Exclusión da frota galega

Dende o BNG esixiron ademais que se derrogue o chamado principio de estabilidade relativa por “discriminatoria” coa pesca galega. “A nosa frota é a única de toda a Unión Europea que ten negado o acceso a algúns caladoiros de augas comunitarias”, censurou Lobeira, quen asegurou que o sector galego ten dereito a acceder nas mesmas condicións aos recursos pesqueiros que outras frotas europeas.

Na mesma liña, criticou que miles de mariñeiros galegos non teñan dereito a voto nos comicios do vindeiro 9 de xuño, tal como si teñen garantido os seus homólogos alemáns, suecos ou holandeses. “Son os grandes esquecidos neste proceso electoral”, lamentou.

Sector estratéxico para Vigo e Galiza

De por parte, o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, reivindicou a importancia de que Galiza e Vigo conten cun escano propio no Parlamento europeo da man de Ana Miranda para “defender o dereito a producir e trasladar as demandas dun sector pesqueiro galego que é estratéxico para a economía da cidade e de todo o país”.

Igrexas lembrou que a pesca representa só na área de Vigo por volta de 32 mil postos de traballo, sendo un dos grandes nodos europeos e mundiais deste sector. “Por iso diante  dunha Unión Europea empeñada en dificultar e restrinxir a actividade pesqueira, impoñendo cada vez máis restricións e problemas, impoñéndonos a exclusión da nosa frota no acceso aos diferentes caladoiros, o BNG vai facer unha defensa firme e contundente do dereito a desenvolver esa potencialidade produtiva”, proclamou.

O voceiro municipal do Bloque considerou que “o futuro de Vigo e Galiza non pasa nin polo monocultivo do Xacobeo nin das luces de Nadal, senón por blindar a continuidade de actividades chaves como a pesca” fronte ao “abandono” por parte do PP e do PSOE. “Estamos fartas e fartos de que a pesca galega sexa moeda de cambio en favor doutros sectores e actividades do resto do Estado ou da Unión Europea”, remachou.

O BNG comprométese en Vigo a defender a pesca galega fronte ás “discriminacións” da Unión Europea