O BNG de Vigo esixe explicacións claras sobre a presenza da Policía Local nun desaloxo de Desokupa

A fronte nacionalista solicita formalmente as conclusións das dilixencias previas internas anunciadas hai 20 días polo Goberno municipal para investigar o sucedido
“É inadmisíbel que a Policía Local poida colaborar en calquera forma en accións sen amparo xudicial e vinculadas a grupos ultra”, afirma Xabier P. Igrexas
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo, a través do seu portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, anunciou hoxe que rexistrará unha solicitude formal para que o Goberno local, liderado por Abel Caballero, dea conta por escrito das conclusións das dilixencias internas abertas tras a polémica participación de efectivos da Policía Local nun desaloxo realizado pola empresa Desokupa na rúa Sagunto. Case 20 días despois da denuncia pública realizada polo BNG, o executivo municipal segue sen ofrecer explicacións convincentes sobre uns feitos que a formación cualifica de “gravísimos e sen precedentes” na cidade.
O portavoz municipal do BNG insistiu en que “é inadmisíbel que a Policía Local colabore en accións sen amparo xudicial e vinculadas á ultradereita”, en referencia á intervención dos axentes dos Grupos Operativos de Apoio (GOA) nun operativo que, segundo se soubo posteriormente, non fora ordenado a nivel xudicial.
Esta actuación, denunciada o pasado 19 de marzo, xerou unha onda de críticas e versións contraditorias, recollidas nos medios de comunicación, que nun primeiro momento apuntou a unha suposta petición da Policía Nacional —negada pola propia Subdelegación do Goberno— ou a expresada nun comunicado do propio Concello, e que foi cualificada de “psicodélica” por Igrexas, de que os axentes locais estaban alí para “regular o tráfico”.
Igrexas criticou a opacidade do Concello, que só emitiu un breve comunicado tras a denuncia pública do BNG e inda non achegou avances sobre a investigación interna anunciada. “O Goberno de Caballero debe asumir a súa responsabilidade e aclarar por que a Policía Local se viu involucrada nunha operación promovida por un grupo con claras conexións coa dereita ultraespañolista”, engadiu o portavoz.
A formación nacionalista esixe transparencia e advirte que non tolerará que se utilicen recursos públicos para respaldar accións de grupos ultra. A solicitude formal presentada hoxe busca poñer fin ao silencio municipal e garantir que se depuren responsabilidades ante o que consideran un episodio “alarmante” para a cidade de Vigo.