BNG reclama unha análise detallada do impacto da política arancelaria na economía galega e que os aranceis non afecten ao emprego

Ana Miranda salienta que xa hai dous meses presentou iniciativas en Bruxelas denunciando a ameaza da política arancelaria para o sector industrial galego
Xabier P. Igrexas: “Neste contexto de guerra comercial aberta é fundamental blindar actividades estratéxicas como a que representa o Porto de Vigo”
VIGO, 4 de abril de 2025.- Diante da imposición internacional de aranceis imposta por USA, que entran en vigor mañá, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, abordaron as súas repercusións á economía galega e, en concreto, á economía viguesa. Reclamaron ao goberno galego, español e á Comisión Europea unha análise detallada do impacto desta política arancelaria, así como que non afecte aos postos de traballo.
“Queremos facer unha primeira valoración desas políticas arancelarias que o presidente Trump acaba de impor á Unión Europea, e nomeadamente o impacto que pode afectar a Galiza e a este Porto de Vigo”, salientou Ana Miranda, tendo en conta a imposición do 20% a todos os produtos procedentes da UE e do 25% aos automóbiles. Neste sentido, o BNG sinala que respecto as exportacións a EEUU (que no 2024 ascenderon a 375,7 millóns en Vigo e provincia e a 802,3 millóns en toda Galiza) os sectores máis afectados serían a automoción, a industria conserveira e dos conxelados, a metalúrxica e a naval, pero tamén tería repercusión no sector vitivinícola.
A eurodeputada galega salientou que xa hai dous meses que presentou iniciativas en Bruxelas denunciando as políticas arancelarias que terán como consecuencia unha situación “moi gravosa para a economía galega sen que os gobernos fixeran nada nin se anticiparan”. “Cremos que ten que ter unha resposta moi clara do goberno galego, do goberno español e da Comisión Europea, que neste momento está máis preocupada de impoñer sancións paralelas a Trump que en buscar vías de negociación”, apuntou.
Compensacións por non ser porto nodal
“Neste contexto de guerra comercial aberta que estamos atravesando, no BNG entendemos que é fundamental blindar actividades estratéxicas como a que representa o Porto de Vigo”, subliñou o portavoz municipal do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, quen indicou que o Porto vigués “é un dos grandes portos a nivel internacional”, xa que rematou o 2024 con 5.700.000 toneladas de descarga, cun incremento de máis do 18% en relación ao ano anterior, e que xera arredor de 35.000 postos de traballo directos e indirectos representando por volta do 20% do PIB de Vigo e a súa área.
Segundo destacou Pérez Igrexas, “precisamente, tras a inxusta e arbitraria exclusión do Porto de Vigo do seu recoñecemento como porto nodal na rede TEN-T, insistimos en que cómpre que o goberno español tome medidas para paliar ese importante hándicap para a terminal portuaria viguesa”.
Ao respecto avanzou que o BNG vai continuar coa ofensiva en todas as institucións “para demandar a revisión dos criterios comunitarios que deixaron fóra Vigo, a pesar da súa enorme relevancia e no inmediato temos que urxir o goberno español que despregue liñas de financiamento e de apoio adicional a terminal portuaria de Vigo que compensen a perda, en termos de competitividade, en termos de acceso a liñas de financiamento europeo, que supón que Vigo non se xa recoñecido como porto nodal”.