O BNG censura a negativa do goberno de Caballero a actuar para facilitar o acceso á vivenda en Vigo
Critica que o PSOE votara no Pleno en contra das medidas propostas pola fronte nacionalista a nivel local e só aprobara os compromisos para Xunta e Goberno español
Xabier P. Igrexas: «O Goberno municipal deixa claro con esta decisión que deserta das súas competencias en materia de vivenda e que non pensa facer nada para que vivir en Vigo deixe de ser un luxo inasequíbel para millares de persoas»
O Bloque Nacionalista Galego censura a negativa do goberno de Abel Caballero a actuar para facilitar o acceso á vivenda en Vigo. A moción formulada pola fronte nacionalista ao Pleno celebrado este mércores resultou aprobada de forma parcial, nos puntos referidos aos compromisos por parte da Xunta de Galiza e do Goberno español nesta materia, mais contou co voto en contra do grupo socialista no relativo ás medidas a impulsar a nivel municipal.
«O Goberno municipal deixa claro con esta decisión que deserta das súas competencias en materia de vivenda e que non pensa facer nada para que vivir en Vigo deixe de ser un luxo inasequíbel para millares de persoas», criticou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que cualificou de «indecente» a decisión do grupo socialista diante das graves dificultades que afrontan as viguesas e os vigueses para acceder a unha vivenda.
Igrexas subliñou que este abandono das políticas de vivenda desde o Concello foron unha constante durante estes 15 anos de goberno de Caballero, que prometía no ano 2007 promover 6 mil vivendas protexidas das que, a día de hoxe, non se realizou ningunha.
Ademais, afeou que se decidira «malvender para facer caixa» vivendas de titularidade municipal, como a promoción de Rosalía de Castro, en vez de apostar por un parque público de vivendas, como ten demandando o Bloque e colectivos sociais da cidade de forma reiterada.
Así, o PSOE rexeitou entre outras propostas do BNG impulsar unha Axencia Local de Vivenda Protexida e Social que permitise ofrecer vivendas en réxime de alugueiro a prezos asequíbeis ou un Plan Municipal Facilitador do Alugueiro, co obxectivo de enfrontar o endurecemento das esixencias económicas e garantías para formalizar os contratos como avais, seguros e fianzas.
Outro dos puntos importantes da moción nacionalista apuntaba á necesidade de frear a actual proliferación de pisos con fines turísticos e vacacionais, que superan xa a oferta dispoñíbel para alugueiro residencial. «Coa súa negativa, o goberno de Abel Caballero continúa expulsando a centos de viguesas e vigueses a outro concellos da nosa área porque non poden permitirse vivir na cidade», advertiu Igrexas.
O edil nacionalista denunciou a «hipocrisía» do Goberno local que, porén, votou a favor de que tanto a Xunta de Galiza como o Goberno español tomen medidas para paliar este contexto. «Caballero tiña unha grande oportunidade de desmarcarse do desleixo do Goberno galego do PP en materia de vivenda, pero máis unha vez decidiu seguir mirando cara outro lado», remachou o concelleiro do BNG.