O BNG de Vigo interpela o Goberno municipal sobre o control de vertidos no río Lagares

lagares
[Foto: @DicCeltista]

Alertan de que o sistema de telecontrol instalado en 2006 estaría inoperativo por falla de mantemento.

Xabier P. Igrexas: “O río Lagares é o verdadeiro pulmón azul e verde da nosa cidade e cómpre que o Goberno municipal dedique máis medios para a súa protección e conservación e combater os vertidos ilegais”.

O BNG de Vigo interpela o Goberno municipal sobre o control de vertidos no río Lagares

O Bloque Nacionalista Galego interpelou hoxe o Goberno municipal na Comisión Informativa de Medio Ambiente en relación ao control de vertidos que se producen no curso fluvial do río Lagares. Demandan o reforzo con máis medios materiais e humanos que evite a vertedura de augas contaminadas e sen depurar, e alertan de que o sistema de telecontrol posto en marcha en 2006 estaría inoperativo por falla de mantemento.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, demandou esta ao executivo local que se informe da situación do sistema de telecontrol de verteduras no río Lagares. Un dispositivo que foi instalado na altura do ano 2006, cun custe superior a 1 millón 200 mil euros, e que permitía monitorizar en tempo real cambios na calidade da auga, o que facilitaba a detección dos vertidos, acoutando a súa zona de impacto e axilizando a identificación da súa orixe. "A información que temos apunta a que o sistema está inoperativo despois de anos de falla de mantemento", alertou.

Desde a fronte nacionalista pediron tamén que se dea conta de con que medios materiais e humanos conta na actualidade o Concello de Vigo para evitar que se produzan verteduras e para investigar a súa realización. "Sabemos que se seguen a producir vertidos de augas sen depurar e contaminadas. A semana pasada detectouse unha ampla mancha de auga turbia nas inmediación do hospital Álvaro Cunqueiro, que tería orixe nunha empresa instalada no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valladares", denunciou Igrexas.

"O río Lagares é o verdadeiro pulmón azul e verde da nosa cidade e cómpre que o Goberno municipal dedique máis medios para a súa protección e conservación e combater os vertidos ilegais", reclamou o portavoz municipal nacionalista, que insiste en demandar "un compromiso real coa sustentabilidade, na certeza de que o futuro de Vigo só pode ser verde".

O Goberno municipal non deu resposta á interpelación do BNG.

O BNG de Vigo interpela o Goberno municipal sobre o control de vertidos no río Lagares