Bases programáticas 2023

CONSULTA AQUÍ O NOSO PROGRAMA ABERTO
 

A cidade está sumida na inercia pola falla de xestión e da ausencia de proxecto para a cidade por parte do actual Goberno municipal, que reduce a súa acción a actuacións aparenciais, pero desatende as necesidades reais das viguesas e dos vigueses e mantén o total abandono dos barrios e parroquias.

A permanente confrontación entre Concello e Xunta permitiu cronificar o abandono da cidade por parte do Goberno galego, ao que se engade tamén a desatención do Goberno español, impedindo despregar accións que revertan o retroceso e perda de peso relativo da cidade.

O 2023 vai ser o ano no que as viguesas e vigueses van poder trazar, co seu voto, un novo rumbo e definir un novo horizonte para a nosa cidade evitando que sigamos quedando atrás.

O Bloque Nacionalista Galego queremos levar Vigo máis alá. Máis alá do dinoseto, das luces, da fanfarria, dos anuncios e das promesas incumpridas. Reseteando en positivo a cidade fronte a actual inercia paralizante, superando a política frívola que pretende reducir Vigo a un parque temático, poñendo as persoas no centro das políticas municipais para atender as necesidades reais da cidade, acabando co abandono dos barrios e parroquias e devolvéndolle a Vigo o seu papel como maior cidade de Galiza.

O noso proxecto é aberto, positivo e construtivo. Unha alternativa sólida e rigorosa para lograrmos darlle un novo impulso e construírmos un Vigo:
 

  Máis habitábel e verde 

Garantindo o dereito da cidadanía a habitar a cidade, promovendo o acceso social á vivenda e poñendo o urbanismo en favor do interese público e social. Democratizando o espazo público en favor das persoas, revolucionando a mobilidade, potenciando o transporte colectivo e despregando novas peonalizacións. Alargando os servizos públicos municipais e revertendo o proceso de privatizacións. Con máis diálogo e participación para facermos avanzar a cidade entre todas e todos e brindando maior apoio ao tecido asociativo e movementos sociais. Reconciliando a cidade co seu litoral, aumentando a protección e valorización dos nosos montes, facendo do río Lagares o pulmón verde e azul da cidade e poñendo fin ao arboricidio dos últimos anos naturalizando as nosas rúas e prazas.


  Igualitario e socialmente xusto

Despregando políticas radicalmente feministas para facer do combate de todas as violencias machistas e formas de desigualdade unha verdadeira prioridade municipal. Reivindicando a cidade como orgullosamente diversa -fronte a LGBTfobia e a xenofobia- e inclusiva da diversidade funcional. Mobilizando os inxentes recursos e capacidades do Concello para o converter nun parapeto social fronte ao agravamento da crise, protexendo os sectores socialmente máis vulnerábeis e loitando contra a pobreza e o empobrecemento. Creando oportunidades que poñan fin a expulsión da mocidade á emigración.


  Pulmón industrial de Galiza

Promovendo a reactivación económica e produtiva, pulando pola creación de emprego digno e con dereitos. Blindando o futuro de actividades estratéxicas como a automoción ou a construción e reparación naval, así como a pesca e a actividade portuaria sustentábel. Desenvolvendo as enormes potencialidades que temos como cidade universitaria para converternos na capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións. Potenciando o pequeno e mediano comercio, que vertebra a cidade e dinamiza os nosos barrios, fronte ao modelo fracasado de grandes áreas comerciais. Reorientando o proceso de turisficación masiva optando por un turismo sustentábel e que xere valor engadido.


  Vangarda da creación cultural

Pasando das actuais políticas que afondaron na desertización cultural a outras que estimulen a creación en todas as disciplinas, desde a cultura de base até os segmentos profesionalizados. Facilitando o acceso á cultura das clases populares e traballadoras, descentralizando a programación de actividades, revitalizando a rede museística e promocionando a lectura. Garantindo o dereito de todas as viguesas e vigueses a viviren plenamente en galego e promovendo a efectiva normalización da nosa lingua na cidade. Poñendo en valor o acervo da nosa tradición na música ou na danza como verdadeiro vector de modernidade e conservando, divulgando e valorizando o patrimonio cultural. Alentando o talento artístico e a forza creativa da mocidade.


  Motor de todo un País

Fronte á permanente lea partidista que empequenece a cidade, acreditamos en que Vigo pode ser un verdadeiro motor de cambio, de mudanza e de transformación para o conxunto de Galiza. Esixindo con firmeza, pero tamén con vontade de diálogo, a fin do abandono que padece a cidade por parte de Xunta e Goberno español. Liderando, desde a cooperación e tecendo sinerxías, a nosa realidade metropolitana. Sendo un grande polo de desenvolvemento da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. Traballando desde a acción municipal na construción dun proxecto de País que teña por obxectivo atinxirmos unha Galiza próspera, xusta socialmente, igualitaria, radicalmente democrática e con plena capacidade de decisión.


  Proceso participativo

Este documento de Bases Programáticas non é unha proposta fechada. É apenas un bosquexo aberto dunha folla de rota. As coordenadas básicas da cartografía de por onde o BNG queremos facer que Vigo volva avanzar.

É un documento aberto, que quere ser punto de partida para incorporar na elaboración do noso programa electoral as achegas, ideas e suxestións, tanto dos colectivos sociais como da veciñanza que a nivel individual teña a xenerosidade de partillar as súas arelas e necesidades, sumando en común para empurrarmos xuntas unha verdadeira transformación da cidade.

Queremos elaborar o noso programa do mesmo xeito que defendemos que se debe gobernar esta cidade: escoitando e dialogando de maneira permanente. Sen dar nada por fechado. Con firmeza nos principios e nas ideas pero con disposición a incorporar outros puntos de vista. Sabendo que os retos e as necesidades que enfrontamos esixen de respostas dinámicas, lonxe das rixideces do autoritarismo.

Na certeza de que sen participación non hai democracia e de que unha democracia real vai alén de votar cada catro anos, tendemos a man ás moitas viguesas e vigueses que saben e, sobre todo, que senten que Vigo merece máis, convencidas de que xuntas, entre todas e todos, sumando en positivo imos facelo posíbel.