CORONAVIRUS
O BNG de Vigo lamenta que a Xunta tardase en intervir DomusVi Barreiro e úrxelle a actuar no resto de residencias
Xabier P. Igrexas: “A Xunta chega tarde porque intervén cando xa son 4 as persoas falecidas e cando o contaxio por coronavirus atinxe á metade das persoas usuarias”.
A fronte nacionalista demanda a posta en marcha dun “Plan de Choque” que alargue a protección das persoas maiores, como colectivo vulnerábel e de alto risco fronte á Covid-19.
Igrexas explicou que xa era de coñecemento do Goberno galego que nese centro non se estaban a aplicar as medidas preventivas necesarias para frear o contaxio por coronavirus, e que o persoal estaba a traballar sen os medios precisos para garantir a debida atención dun colectivo vulnerábel e de alto risco fronte á Covid-19. “A Xunta chega tarde porque actúa cando xa son 4 as persoas falecidas, cando o contaxio atinxe á metade das usuarias e cando enfrontamos un preocupante incremento do contaxio entre o persoal”, reprochou. O edil nacionalista criticou tamén a total falla de transparencia por parte da dirección do centro que está a provocar “a desesperación e a angustia nas familias das persoas usuarias”.
Urxe actuar nas residencias
Para o portavoz municipal nacionalista, a pesar do atraso na resposta á situación da residencia de Barreiro, a Xunta inda está a tempo de “non chegar tarde ao resto de residencias de maiores” da cidade. “Estase inda a tempo de despregar con dilixencia e determinación todos os medios necesarios, para que a Xunta exerza plenamente as súas competencias para garantir a saúde da nosa xente maior e evitar que as residencias da nosa cidade se agraven como foco e acaben por se converter no escenario dunha traxedia”, defendeu. Nese sentido, demandou a posta en marcha urxente do Plan de Choque a nivel galego que vén de propoñerlle a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ao presidente da Xunta, co obxectivo de “garantir a máxima protección dos nosos e das nosas maiores”.
Igrexas urxe que se atendan as demandas das familias e tamén dos e das profesionais que traballan no sector e que se actúe coa máxima axilidade tomando medidas concretas. Entre estas sinalou a necesidade de dotar as residencias de EPI e de todos os medios de protección, que se tomen as medidas necesarias para garantir o illamento efectivo das persoas contaxiadas, ou que se realicen test de maneira prioritaria ao persoal que traballa nas residencias co obxectivo de “evitar que quen coida se converta nun factor de contaxio”. Tamén demandou que se incrementen os recursos de atención médico-sanitaria nos propios centros “para estarmos en condicións de anticipármonos na protección da saúde das persoas usuarias”.
Recollendo as denuncias e queixas por parte das familias de persoas residentes, a fronte nacionalista reclamou que se “adopten todas as medidas necesarias para garantir o seu dereito á información, para coñeceren en que situación están os seus familiares, e tamén o seu dereito a se comunicaren con eles e con elas”.